Cinco puntos separan a Gimnástica do podio na Copa do Rei de atletismo disputada en Valencia
Por Redacción
A só 5 puntos de distancia do terceiro posto finalizou a Sociedad Gimnástica de Pontevedra a súa participación na Copa do Rei de Atletismo en pista cuberta, disputada o sábado no velódromo Luis Puig de Valencia. A vitoria en categoría masculina foi un ano máis para o Playas de Castellón, que conseguiu un total de 96,5 puntos unha vez sumadas todas as probas disputadas, cunha clara vantaxe sobre o Barcelona, que logrou 73,5 puntos.
Os pontevedreses conseguiron 55 puntos, a só dous do Unicaja Atletismo que cuarto con 57, e a cinco do Marathon, que rematou en terceira posición.
O primeiro posto de AlbertoSalcedo, cunha marca de 21,57 segundos nos 200 metros lisos, e os terceiros de David Alejandro Castro nos 60 metros cunha marca de 6,84 segundos, de Mario García en pértega, cun mellor salto de 4,80 metros, e de Julián Ortiz en 60 metros valos, cun rexistro de 8,01 metros, foron os mellores resultados obtidos polos atletas da Ximnástica, que pechan así a súa participación cunha medalla de ouro e tres de bronce.
Ademais, o que ata hai pouco fora un dos atletas máis destacados do club pontevedrés, Jean Marie Okutu, conseguiu para o seu novo equipo, o Fútbol Club Barcelona, o primeiro posto en lonxitude, cun salto de 7,65 metros.
En categoría feminina o Valencia Terra i Mar, anfitrión do campionato, fixo o mesmo que os seus veciños do Playas de Castellón, revalidando o seu título de campión da Copa da Raíña tras sumar un total de 99 puntos dunha forma absolutamente irresistible, xa que as atletas de Rafael Blanquer lograron o primeiro posto en nove das trece probas celebradas.
O Playas de Castellón, con 72 puntos, e o FC Barcelona, con 69, finalizaron en segunda e terceira posición, respectivamente, nesta categoría feminina.
A clasificación por equipos, en categoría masculina nesta Copa do Rei quedou así:
1º Playas de Castellón: 96.5 Puntos.
2º FC Barcelona: 73.5 Puntos.
3º A.D. Marathon: 60 Puntos.
4º Unicaja Atletismo: 57 Puntos.
5º Sociedad Gimnástica Pontevedra: 55 Puntos.
6º Tenerife CajaCanarias: 45 Puntos.
7º Huracán Fent Camí: 44 Puntos.
8º Club Atletismo Benacantil: 35 Puntos.