Suspendido o Estradense-Pontevedra B polo mal estado do terreo de xogo da Baiuca
Por Ramiro Espiño
O mal estado do terreo de xogo da Baiuca provocou a suspensión do partido que debían disputar o Estradense e o Pontevedra B no tarde do sábado, no campo estradense. O colexiado designado para dirixir o partido, o coruñés Marcos Ordoñez Rodríguez, decretou a suspensión ao comprobar as condicións en que se encontraba o cesped, xa bastante maltreito como consecuencia das choivas das xornadas precedentes, agravado pola actuación dunha máquina que durante a mañá foi utilizada nun intento de melloralo, pero que conseguiu o efecto contrario.
Os directivos do club de A Estrada explicaban que o campo, de propiedade municipal, estaba bastante danado, aínda que permitía xogar, pero dende o Concello estradense se enviaran uns operarios coa finalidade de efectuar traballos de reparación. Non obstante ao estar o piso demasiado brando as manobras da maquinaria pesada deixaron o terreo de xogo nun estado absolutamente impracticable.
Manu Fernández, adestrador do filial granate, comentaba a PontevedraViva: "Eu nunca vira un campo así. Era imposible xa non xogar ao fútbol, se non mesmo manterse en pé, ademais de resultar moi perigoso para os xogadores,".
O problema engadido preséntase agora para buscar unha data na que xogar un partido que, ademais, pode ter unha importancia enorme ao tratarse de dous equipos rivais directos na loita pola permanencia na Rexional Preferente. Ao non haber datas libres no calendario ata máis alá da semana santa, a opción de xogar entre semana complícase polo feito de que a luz artificial de que dispón A Baiuca podería non ser suficiente para xogar en horario nocturno.
Derrota dos xuvenís en Oviedo
Non puido regresar o Pontevedra xuvenil con nada positivo do seu desprazamento a Oviedo. Os locais, asentados na zona alta da clasificación, non deron opcións ao conxunto granate, endosándolles un claro 4-1, se ben o resultado debeu ser recortado nos compases finais, nos que o colexiado ignorou dous claros penaltis cometidos sobre Tomás.
O Real Oviedo adiantouse no marcador por medio de Ernesto, no minuto 25. Tomás empataría para o Pontevedra no 37, pero no último minuto do primeiro tempo de novo Ernesto adiantaría aos asturianos, que case sentenciaron nada máis continuarse o partido co 3-1 obra de Jordi. O 4-1 definitivo faríao no minuto 67, Ángel.