Catro meses despois o Pontevedra cede a domicilio na súa visita ao Tudelano (1-0)
Por Redacción
Dez xornadas sen perder. Oito partidos consecutivos a domicilio sen coñecer a derrota e catro meses despois, o Pontevedra caeu lonxe de Pasarón. Fíxoo no complicado escenario do Ciudad de Tudela. Pola mínima. Plantando cara a pesar das baixas coas que chegaba o choque, a un Tudelano serio, que tivo máis presenza en campo contrario e fíxose cos puntos levado da man por un exgranate como Víctor Bravo, autor da xogada que daría orixe ao único gol do partido, conseguido por Chema Mato, ben avanzada a segunda parte.
Os granates acudían a terras navarras sen Verdú nin o seu goleador Borjas e cun centro do campo improvisado, onde faltaban homes fundamentais como Kevin Presa, Álex Fernández e Mouriño. Competiron. Deron a cara, pero faltoulles fluidez nesa zona de creación, incapaz de facerse co control do balón e de fornecer balóns aos seus homes de arriba, onde unicamente Jacobo poñía certa dose de perigo, cun Pablo Carnero case desaparecido e nun alarmante estado de baixa forma.
A primeira media hora foi de neto dominio do Tudelano, que encerrou na súa parcela a un Pontevedra ben situado defensivamente, pero que non lograba saír. Iván Martín, tras un corner, tivo a primeira ocasión clara de perigo, ao recibir só no punto de penalti (minuto 9), pero rematou frouxo ao centro, salvando Edu.
De novo tería que intervir con acerto o meta galego, minuto 23, para gañarlle un man a man a Paris, que buscou as costas aos centrais, pero non puido con Edu, que evitou o gol.
Preto da media hora chegaba o primeiro achegamento serio do Pontevedra á meta local. Sería no minuto 27. Jandrín aproveita un erro de Paris pero Pagola consegue salvar.
Coma se a acción dese confianza ao Pontevedra, os granates sacudíronse o dominio navarro e conseguiron mandar ata o descanso, forzando varios saques de esquina e dispoñendo da súa mellor ocasión nun disparo de Pedro García (minuto 37), desde tres cuartos de campo, que se foi ao estrelar no traveseiro.
A segunda parte devolveu a situación ao seu punto inicial. Sen crear excesivo perigo o Tudelano mandaba e Chema Mato avisaba rematando fóra, con pouco ángulo, un pase de Valero. Ata que no minuto 68 chegaba o gol, nunha xogada iniciada por Víctor Bravo, o mellor xogador sobre o campo, e rematada por Chema Mato.
Quedaba tempo suficiente e Luisito moveu banco, primeiro facendo debutar á recente fichaxe Antonio Bello, daquela retirando a un ausente Pablo Carnero para dar entrada a Tomás, buscando chegar máis a través da posesión de balón. Foi inútil. Os granates non lograron inquietar a meta de Pagola e caeron derrotados, pero polo menos salvaron o golaverage parcial co Tudelano, ao que venceran en Pasarón por dous goles.
CD TUDELANO (1): Pagola; Delgado, Lalaguna, Jonathan, Paris; Lázaro; Valero (Rubio, minuto 90), Chema Mato, Arkaitz, Víctor Bravo (Samanés, minuto 79); e Iván Martín (Nandi, minuto 86).
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Adrián, Pablo, Capi, Bruno; Pedro García, Queijeiro; Jandrín (Antonio Bello, minuto 68), Jacobo, Anxo; e Pablo Carnero (Tomás, minuto 77).
Árbitro: Albert Ávalos Martos (Cataluña), auxiliado nas bandas por Óscar Gómez Masegosa e Jordi José Barreira. Amoestou a Víctor Bravo e Chema Mato, polo Tudelano, e a Capi e Pedro García, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 68: Chema Mato.
Incidencias: Campo Ciudad de Tudela (Tudela-Navarra). Uns 2.500 espectadores. O partido disputouse no medio dunha intensa néboa que por momentos dificultaba a visibilidade.
Relacionadas:
-
O Pontevedra perdoa demasiado e págao co empate ante o Lealtad (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Encomendados a Pasarón para recuperar o bo paso
Por Diego Espiño |
-
O centrocampista Hugo Rodríguez, novo xogador do Pontevedra
Por Redacción |
-
Luisito recupera efectivos mentres segue esperando ao novo dianteiro
Por Diego Espiño |
-
Tudela, esixente proba para o bo momento do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Antonio Bello chega a Pontevedra convencido de "luchar por algo más bonito que la permanencia"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra confirma a fichaxe de Antonio Bello
Por Redacción |
-
Pontevedra e Cacereño aburren nun partido con pouco fútbol e sen ocasións (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |