O espírito do Hai que Roelo invade o novo Pasarón
Por Diego Espiño
O estadio é completamente novo pero o escenario, o mesmo onde todos eles viviron moitas tardes de gloria. Xogadores do Pontevedra Club de Fútbol nas décadas 60 e 70 reuníronse este venres para coñecer o novo Pasarón e compartir unha comida chea de bos e granates recordos.
Juanín conseguiu reunir moitos dos seus compañeiros nunha xornada que esperan repetir cada ano ampliándoa aos moitos ex-futbolistas que viven fóra de Galicia.
Nesta primeira edición, a particular aliñación compuxérona os que residen na cidade ou en lugares próximos, a excepción de Aguinaga, chegado dende Porto. Ademais de Juanín, organizador do evento, e do propio Aguinaga, acudiron Arturo, Albino, Abeledo, Díez, Ruibal, Rivas, Suso, Taboada, Veiga, Santi, Puskas, Martínez, Carlos, Luisín, Ángel, José Eduardo, Del Río, Estévez e Vavá.