Partidazo do Cisne para remontar en La Roca del Vallés (27-32) e afastar o descenso
Por Redacción
Vitoria de mérito e fundamental na carreira pola permanencia a que conseguiu o Cisne en La Roca del Vallés fronte a un rival directo como BM La Roca, ao que adianta na clasificación, pechando a primeira volta con 10 puntos e un pequeno colchón sobre a zona de perigo.
Pero se importantes son os dous puntos conseguidos, moito máis éo para o equipo de Edín Covelo recuperar as sensacións, sumando dous triunfos consecutivos, despois da lograda fronte ao Academia Octavio, que lle deben servir para achegar tranquilidade e confianza nas súas propias posibilidades para a segunda volta da competición.
En terras catalás o Cisne sufriu e foi a remolque durante a primeira parte, pero logrou superarse e remontar na segunda, asinando uns últimos 30 minutos de partido sensacionais. Ben apoiado no traballo baixo paus de Pablo Galán, os brancos tiveron como brazos executores a Carlos Pombo e Ramón Gil, con sete goles cada un, pero sobre todo a un Pablo Vidal, autor tamén de sete goles, que ademais da súa achega defensiva, por fin soubo soltar o brazo en momentos decisivos.
Ao Cisne custoulle entrar no partido. De feito BM La Roca levou a iniciativa durante toda a primeira metade, conseguindo unha máxima vantaxe de cinco goles (14-9) a falta de catro minutos para o descanso, que facía pensar que os puntos quedarían en casa. Os pontevedreses lograrían recortar antes de retirarse ao vestiario, con gol sobre a bucina de Pablo Vidal, para terminar cun 15-13 en contra e todo por decidir.
Nada máis comezar o segundo tempo viuse un Cisne diferente. Ao gol inicial dos cataláns, responderon os de Edín Covelo de forma irresistible. Pablo Vidal e Carlos Pombo empezaron a percutir a portería rival e o Cisne fixo un parcial de 0-7 para situarse con vantaxe (16-20) no minuto 38.
Aínda que os locais tentaron neutralizar a diferenza, o máximo que conseguiron foi poñerse a dous goles (19-21), momento en que o Cisne volveu conseguir un parcial favorable de 0-4, para situarse coa máxima vantaxe do partido (19-25) a falta de quince minutos.
Os cataláns xa non tiveron forzas para máis. O Cisne controlou en todo momento, respondendo cun novo tanto a cada gol local, ata chegar a ese 27-32 final que lles debe dar unha importante dose de tranquilidade.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
Grupo Covadonga aprovéitase da mala posta en escena do Cisne (32-29)
Por Redacción |
-
Juanfersa Gijón especialízase en aproveitar a bisoñez do Cisne (26-30)
Por Ramiro Espiño |
-
Dúas caras dun Cisne que se afunde na segunda parte en Alcobendas (30-23)
Por Redacción |
-
O Cisne imponse ao Cangas (32-29) no XXII Memorial Manuel Luaces
Por Ramiro Espiño |
-
Teucro e Cisne, presentes na convocatoria da Selección Galega Absoluta
Por Redacción |
-
Guille Rial conduce ao Cisne a unha importantísima vitoria sobre Academia Octavio (28-26)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |