O Instituto Municipal de Deportes crea un Circuíto de Carreiras Populares
Por Diego Espiño
Seguindo o exemplo doutras cidades como Lugo, Ourense ou A Coruña, Pontevedra pon en marcha en 2013 un Circuíto de Carreiras Populares que consta de seis probas repartidas aos longo do ano, concretamente as de San Brais, Santiaguiño do Burgo, Campañó, a Medio Maratón e dous de nova creación, unha en Monte Porreiro e os 10.000 metros nocturnos polas rúas de Pontevedra.
Das seis carreiras, os atletas poderán elixir catro delas para puntuar no circuíto, sendo a Medio Maratón a carreira de máis valor con puntuación dobre. A parte dos premios de cada proba, o circuíto repartirá bonos para gastar no comercio local aos cinco primeiros clasificados a final de ano nas categorías absolutas.
Os deportistas que o desexen poderán inscribirse para todas as probas por 25 euros se posúen o dispositivo de cronometraxe "Championchip" e, se non o teñen, poderán adquirilo por 40 euros. En caso de solicitar un aluguer, ao finalizar o circuíto reembolsaranse 6 euros aos corredores. O novidoso, segundo o responsable da Gimnástica Pablo Díaz, é que os participantes terán o chip en propiedade durante todo o ano, "así pueden beneficiarse en otras pruebas en Galicia, España o incluso Portugal".
San Brais será a primeira cita o 2 de febreiro, seguida por Monte Porreiro o 4 de abril, os 10.000 metros nocturnos o 15 de xuño, Santiaguiño do Burgo o 25 de xullo, Campañó o 14 de setembro e por último a Medio Maratón o 20 de outubro.
A inscrición para o circuíto, que estará aberto aos deportistas maiores de 17 anos, debe realizarse a través da web www.championchipnorte.com.