Os lesionados adéstranse á marxe do grupo e complícase a súa participación ante o Cerceda
Por Diego Espiño
A enfermaría do Pontevedra Club de Fútbol non remata de baleirarse e os problemas acumúlanse para o equipo granate, que podería perder unha semana máis varios xogadores importantes nos esquemas de Milo Abelleira.
Pacheco, lesionado dende o mes de novembro, e Caco, cunha rotura de fibras, son baixas seguras para recibir o Cerceda en Pasarón, pero o peor para os pontevedreses é que nin Sestelo, con problemas no cuádriceps, nin Mosés Pereiro, evolucionan ben das súas respectivas molestias e na sesión preparatoria deste mércores, despois da xornada de descanso, exercitáronse á marxe do grupo.
As condicións do terreo de xogo de Príncipe Felipe, brando despois das chuvias, non axudan a recuperar sensacións e os dous futbolistas convértense en seria dúbida para o próximo compromiso ligueiro.
Como noticia positiva, Milo Abelleira recupera a Pablo González despois de cumprir a sanción dun partido por acumulación de amonestacións, aínda que o técnico deberá botar man unha semana máis de xogadores do filial, como os centrais titulares en Cangas Yago Vázquez e Cristóbal Domínguez. A boa actuación de ambos os dous e o déficit de centrocampistas podería provocar que Pablo se estrease nesa demarcación axudando en tarefas defensivas a Iago Paz.