O mercado móvese... o Pontevedra espera
Por Diego Espiño
A escasamente unha semana do peche do mercado na Terceira División, os equipos do grupo galego intentan reforzarse apremados polos obxectivos a conseguir a final de tempada.
Poucos son os clubes que non efectuaron ningún movemento, xa sexa altas ou baixas. Os que máis, os equipos da zona baixa que inentan escapar da queima da Rexional Preferente.
Ata o momento o Narón Balompié é o conxunto máis activo con cinco fichaxes, máis cambio de adestrador, e catro baixas. A súa situación, a nove puntos da salvación, fixo que a directiva busque un revulsivo. Unha situación na táboa que é idéntica á do Céltiga. O equipo de Manolo Núñez incorporou Breogán Pereiro, procedente do Pontevedra, e Plevak, do Mondariz, rescindindo a súa vinculación con Ferreiro.
Pola parte baixa, o Villalonga de Jacobo Molina contratou a Jorge Fernández, ex xa do Rápido de Bouzas, mentres o seu futbolista Nando abandonou o clube de San Pedro en dirección ao Arosa de Preferente.
Pero non só por abaixo chegan as urxencias. Dos equipos que aspiran a xogar a fase de ascenso, o Compostela é o que máis se está a mover nos últimos días. De pouco parece servirlle a Fredi ter nas súas filas ao pichichi do grupo Joselu, pois este martes presentou a Marcos Suárez, procedente do Narón, un dianteiro que se une á incorporación de Jordan, do Celta B. O equipo santiagués, que aínda busca máis reforzos, deu a baixa a Kolman, David Louro e Uru.
Nin sequera o intratable líder Racing de Ferrol é alleo ás fichaxes. Incorporou ao defensa do Santboia Sergio Martínez, ao mesmo tempo que busca un recambio no lateral para Ángel Luis, ao que se rescindiu o contrato. O Celta B pola súa banda, aínda que non se trata dunha fichaxe no sentido estrito, ascendeu ao xuvenil Santi Mina, considerado como unha das maiores promesas da Madroa, un futbolista que xa é internacional en categorías inferiores e que adestra co primeiro equipo vigués.
Os rivais do Pontevedra moven ficha mentres os granates, polo momento, apostan polo que teñen en nómina, aínda que o corpo técnico encabezado por Milo Abelleira non descarta cubrir o oco libre deixado por Breogán e mantivo contactos con varios futbolistas. ÿ o caso do centrocampista Julio Bayo, que rematou a súa vinculación co Cerceda, pero o apartado económico é un impedimento para o clube lerezano. Neste sentido, ante posibles ausencias, o técnico pontevedrés deberá botar man do filial, como xa aconteceu no último encontro de liga ante o Alondras, un equipo cangués que pola súa banda contratou a David Calo.
Os equipos que ata o momento non confirmaron ningunha fichaxe son, ademais de Pontevedra, Deportivo B, Somozas, Cerceda, Rápido de Bouzas, ÿrdenes, As Pontes, Racing Villalbés, Betanzos e Bergantiños.