O pontevedrés Miguel Carballeda seguirá catro anos máis á fronte do Comité Paralímpico Español
Por Redacción
A Asemblea Xeral do Comité Paralímpico Español (CPE) reelixiu de forma unánime a Miguel Carballeda como presidente para os próximos catro anos. Será o seu terceiro mandato consecutivo. Carballeda, nado en Pontevedra en 1959, accedeu ao sillón presidencial en decembro de 2004, cargo que compaxina co de presidente do Consello Xeral da ONCE, que dirixe desde xullo de 2003, e da Fundación ONCE, onde chegou en maio de 2007.
Nos seus primeiros catro anos de mandato á fronte do Comité Paralímpico (2004-2008), foi clave para poñer en marcha o novedoso Plan ADO Paralímpico (ADOP) e para lograr unha notable mellora nas relacións institucionais e na imaxe pública da entidade. Trala seu reelección en decembro de 2008, consolidouse o Plan ADOP e produciuse un importante incremento na difusión social do Movemento Paralímpico en España.
Na súa intervención ante a Asemblea, Carballeda adiantou as liñas xerais do seu novo mandato, onde tratarán de manter o alto nivel dos resultados dos deportivos paralímpicos españois, apostando por proseguir e profundar no proceso de integración dos deportes paralímpicos nas federacións olímpicas, e reclamando unidade ás federacións e a todo entorno paralímpico español para afrontar a difícil coxuntura económica optimizando recursos e xestionando con eficacia, informou o CPE.
Ademais, non se esqueceu da colaboración co proxecto olímpico e paralímpico de Madrid 2020 e de apostar fortemente pola promoción do deporte entre as persoas con discapacidade a todos os niveis foron outras das propostas de Carballeda para o ciclo 2013-2016.