Empate do Pontevedra en Narón nun discreto partido dos granates
Por Ramiro Espiño
O Pontevedra non foi capaz de conseguir a vitoria no campo do Narón (1-1) nun choque gris dos homes dirixidos por Milo Abelleira, que saíron ao campo a mercé dun último que non parecía tal, demostrando máis pouta e conseguindo encerrar aos granates na súa parcela durante os primeiros 15 minutos.
Pouco a pouco os visitantes foron conseguindo as rendas, pero tendo de novo o seu talón de aquiles nas dificultades para transformar en gol as ocasións creadas. Santi Domínguez e Tubo malograron as máis claras, ata que cando o partido parecía chegar ao descanso sen movemento no marcador un grave erro defensivo de Pablo nun pase horizontal ao porteiro Lorenzo aproveitouno Marcos Suárez para poñer a cabeza e anotar. Era a última xogada da primeira metade e de novo tocaba remontar.
A segunda metade foi un monólogo do Pontevedra en canto a posesión de balón, pero a falta de ideas e profundidade eran aproveitadas por un ordenado Narón para intentar perigosas contras tratando de sentenciar o partido. De feito, outro grave erro defensivo, nesta ocasión labor por Sestelo, deixou a Carballeira man a man con Lorenzo, que evitou o segundo gol local. O Pontevedra non daba sinais de perigo, tendo que esperar ata o minuto 71 para que Santi Domínguez estrelase no longueiro un lanzamento directo de falta. Esta acción pareceu espertar aos granates e encoller ao Narón. Así no minuto 77, chegaba a xogada clave. Santi derruba Tubo na frontal e gaña a segunda tarxeta amarela. Cristóbal Juncal toma o relevo no lanzamento e coloca o balón en toda a escuadra.
Dende ese momento e ata o asubío final o choque converteuse nun asedio pontevedrés, con ocasións claras para Sestelo (que rematou como delentero centro) e Santi Domínguez, que se perderon, a primeira rozando o longueiro e a segunda desviada a corner por Marcos Souto. Puido gañar o Pontevedra ao final, si, pero non sería xusto polo excelente traballo realizado polo conxunto local.
Con este empate o Pontevedra mantense momentaneamente na terceira praza da clasificación, mentres o Narón suma o seu primeiro punto da tempada.
NARÿN BALOMPÿ: Marcos Souto; ÿscar, Justo, Bruno, Jorge; Damián; Carballeira, Mella, Santi, Coedo; Marcos Suárez.
Sustitucións: Min. 65 Zico por Mella. Min. 77 Quintana por Carballeira.
PONTEVEDRA C.F.: Lorenzo; Cristóbal, Sestelo, Pablo, Adrián Gómez; Tubo, Iago Paz, Moisés, Jacobo; Santi Domínguez e Stefan.
Sustitucións: Min. 61 Richi por Stefan. Min. 71 Tomás por Iago Paz.
Árbitro: Iván Domínguez de Bernardi, auxiliado nas bandas por Méndez Castro e Gándara Bello (A Coruña). Expulsou no bando local a Santi por dobre amarela (Min.76). Amonestou a ÿscar, Damián, Marcos Suárez e Zico.
Goles: (1-0) Minuto 45. Marcos Suárez aproveita un erro de Pablo en defensa para marcar. (1-1) Minuto 77. Cristóbal de falta directa.
Incidencias: Estadio Río Seco, Narón. Apenas 75 espectadores en xornada declarada como "Día de Club".
VESTUARIOS:
Milo Abelleira: Non estaba contento, como é lóxico, o técnico granate co resultado: Claro que non podo estar satisfeito. Deixamos escapar dous puntos como consecuencia dun grave erro defensivo dos que falamos durante toda a semana que hai que evitar, pero que cada domingo nos están a suceder. Queremos sacar o balón xogado, pero tamén temos que aprender que ás veces, se non se pode, é mellor despexalo e non se complicar. Se o fan xogadores de primeira división por que non imos facelo nós?. Son aspectos nos que temos que seguir traballando, como nas xogadas a balón parado, nas que nos fan moito perigo e non obstante nós non somos capaces de conseguir remates claros, cando temos tanto bos lanzadores coma bos rematadores,". Milo lamentábase especialmente porque de ter gañado afrontarían os dous próximos e comprometidos partidos en Pasarón con maior tranquilidade: "Agora véñennos dous rivais complicados e de cara á clasificación, de ter gañado estariamos en moita mellor disposición para eses partidos, pero de nada serve queixarse, unicamente seguir traballando".
Germán Amil: A outra cara da moeda era o técnico local que consideraba que souberan xogarlle ao Pontevedra: "Saímos a premelos arriba porque sabiamos que o Pontevedra é un equipo que lle gusta sacar o balón xogado e deunos resultado. ÿ verdade que pouco a pouco eles fóronse apoderando do balón, pero nós tivemos as nosas ocasións e mesmo penso que puidemos sentenciar o partido. Claro que nos botamos atrás na segunda parte, pero puidemos facer o segundo que creo que merecemos. Logo ao quedar cun menos xa non tiñamos máis remedio que defender, pero polo menos hoxe comprobamos que podemos competir nesta categoría, cousa que por outra parte xa sabiamos polos partidos anteriores, pero nos que non tivemos fortuna e nos escaparon os puntos por pequenos detalles,". Sobre o Pontevedra, o adestrador local dixo: Non me decepcionou. En absoluto. ÿ un grande equipo, para min dos mellores, que intenta practicar bo fútbol, aínda que hoxe nós soubemos xogarlles.