Máis de 1.500 inscritos na San Silvestre e subindo
Por Redacción
A XXXII edición da San Silvestre de Pontevedra volverá presumir de ser a máis concorrida de Galicia, a tenor do alto ritmo de inscrición durante os primeiros días do prazo habilitado.
Ata o momento foron xa máis de 1.500 os atletas que confirmaron a súa presenza no popular evento deportivo que despide o ano na cidade.
Esta cifra, tendo en conta que o maior número de anotacións prodúcese nos últimos días e o prazo finaliza o 27 de decembro, fai pensar á organización, a cargo da Sociedad Gimnástica e Instituto Municipal de Deportes, que é posible superar un ano máis o record de participación.
O pasado ano foron 4.439 corredores os que solicitaron o seu dorsal e máis de 5.000 os deportistas que participaron na San Silvestre, polo que a esperanza é chegar a ese número de 5.000 só nas inscricións regulamentarias.
Os interesados en anotarse poden facelo a través da web da Gimnástica (www.sgpontevedra.com) ata o citado día 27. Un día despois, o 28 de decembro, comezará a entrega dos dorsais no lugar habitual, a Casa da Luz.