A Gimnástica iniciará a competición de División de Honra o 27 de abril en Madrid
Por Redacción
Finalmente a Gimnástica non poderá organizar o primeiro encontro da División de Honra de Atletismo que se disputará o próximo 27 de abril. A falta de confirmación oficial, a sede do grupo onde quedou encadrado o club pontevedrés será Madrid.
A Federación Española de Atletismo emparellou á Gimnástica co Marathon Madrid, terceiro calsificado no estadillo de clubes, o Universidad de Oviedo, noveno, e o Tenerife CajaCanarias, décimo terceiro.
Co Marathon de Madrid os pontevedreses sumarán o seu sexto enfrontamento nas sete tempadas da Gimnástica na máxima categoría, saíndo sempre vencedores os madrileños a excepción de hai dous anos na primeira xornada, cando se impuxeron os lerezanos. Co Tenerife será o segundo enfrontamento, o anterior foi a tempada pasada en Zaragoza, de aciago recordo xa que se impuxo á entidade presidida por Ramón Touza por só medio punto, condenando á Gimnástica a loitar por evitar o descenso na última xornada da competición. Pola súa banda ante o Universidad de Oviedo, un equipo clásico da División de Honra, os pontevedreses conseguiron unha vitoria na primeira xornada do ano 2010.
A falta de tres meses para a disputa da primeira xornada na División de Honra, o equipo masculino dos pontevedreses acudirá o próximo sábado á Copa do Rei en Valencia, unha competición que reúne os oito mellores clubes do país.