Novo tropezo do Villalonga (1-1) que non consegue manter a súa vantaxe fronte ao Ordes
Por Redacción
Segue en refacho negativo o Villalonga que non logrou pasar do empate en San Pedro fronte ao Ordes, a pesar de adiantarse no marcador cun gol do debutante Jorge Fernández, nada máis comezar a segunda parte.
O partido tivo poucas oportunidades de perigo. O primeiro susto sería para o conxunto local, a pouco do inicio, cando Tenorio ao intentar despexar un centro de Nacho, manda o balón ao poste da súa propia portaría. O Villalonga tratou de levar a iniciativa, pero sen demasiada profundidade nin acerto.
Os comezos do segundo tempo non puideron ser mellores, pois unha carreira por banda de Leo remata cun centro que engancha Jorge Fernández adiantando os celestes. Logo viría a oportunidade de sentenciar, cando Machu remata de cabeza un corner lanzado por Marc, estrelando o balón na escuadra.
O Villalonga botouse atrás para intentar defender a súa renda, o que aproveitou o Ordes para lograr o empate por medio de Nacho, nun despiste defensivo local.
VILLALONGA, C.F. (1): Roberto Pazos, Leo, Marc, Miguel, Tenorio, Nelo (Quini, minuto 73), Saúl, Fran Matos, Machu, Javi Nogueira e Jorge Fernández (Pedro, minuto 84).
ORDES, S.D. (1): Mario, Xesús, Rubén, Antonio, Baleato, Nacho, Padín, Alvaro (Brais, minuto 72), Cabrejo, Denis (Cea, minuto 69) e Angel.
Goles: (1-0) Minuto 47: Jorge Fernández. (1-1) Minuto 75: Nacho.
Árbitro: Giménez Alberte (Ourense). Expulsou por dobre amoestación a Nacho (minuto 88). Amoestou Leo, Marc, Tenorio, Xesús e Ángel.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Uns 200 espectadores.