O Pontevedra en busca dunha vitoria en Gijón que lle permita durmir en postos de play-off
Por Ramiro Espiño
Partido para seguir abrindo oco. O Pontevedra visita a escola de fútbol de Mareo para enfrontarse ao Sporting de Gijón B, en partido que se adianta ao sábado (15:45 horas) no campo número 1, Pepe Ortiz, da modélica cidade deportiva sportinguista.
O filial xixonés marca precisamente o primeiro dos postos de permanencia directa, atopándose a seis puntos de distancia dos granates, que tentarán manter a súa excelente traxectoria a domicilio e, aínda que Luisito non quere nin ouvir falar de play-off de ascenso, durmir entre o catro primeiros da táboa, xa que en caso de vencer, o equipo pontevedrés podería situarse segundo provisionalmente, á espera do que suceda o domingo no resto da xornada.
Pontevedra e Sporting B enfrontáronse ata a data en 38 ocasións, a gran maioría delas en Segunda B, cun balance case equilibrado, e que pode chegar á igualdade absoluta en caso de vencer os granates, xa que o cadro asturiano impúxose en 13 ocasións, con outros 13 empates e 12 triunfos pontevedreses.
Iso si, o capítulo goleador inclínase a favor do Pontevedra, que anotou 56 goles, encaixando 49 en total, mentres que outro aspecto estatístico tamén favorece aos granates, que non perden nas instalacións de Mareo desde o xa afastado 21 de febreiro de 1999 (2-1), hai case 17 anos e as súas dúas últimas visitas terminaron con idéntico resultado favorable (0-3), a última delas o 8 de marzo de 2009.
Cunha traxectoria irregular polo momento, o filial sportinguista encaixou tres derrotas no seu feudo do Pepe Ortiz, onde caeron fronte a Racing de Ferrol, Racing Club Santander e Arandina, pero con todo foron capaces de imporse a Cacereño, Lealtad e Peña Sport.
Os de Luisito realizaron unha última e lixeira sesión de adestramento á primeira hora da tarde deste venres, en Pasarón, para a continuación emprender viaxe cara á cidade asturiana. Como se esperaba, poucas novidades na lista de convocados con respecto á que o técnico dispuxo para o partido anterior fronte ao Izarra, tan só a presenza de Campillo, unha vez cumprida sanción, que ocupa o lugar de Tubo, que cae da lista.
Dese modo, Miki, Jacobo, Tomás, Capi, que seguen recuperándose dos seus problemas físicos, xunto con Miguel Loureiro e Tubo, son os descartes, integrando a expedición: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Campillo, Bruno, Verdú, Kevin Presa, Pedro García, Álex Fernández, Mouriño, Jandrín, Anxo, Queijeiro, Borjas e Pablo Carnero.
Os granates non estarán sólos no campo xixonés xa que ademais dos afeccionados que se despracen nos seus vehículos particulares, serán ao redor de medio centenar os que o fagan nun autobús na viaxe organizada polo club.
O partido será dirixido por Ibai Rezola Etxeberría (Vasco), auxiliado nas bandas por Javier Merino Sánchez e Aitor Mosqueira Antón.
Relacionadas:
-
Sergio Lloves decide seguir no Pontevedra rexeitando unha oferta do Rápido de Bouzas
Por Ramiro Espiño |
-
Repartición de puntos entre Sporting B e Pontevedra (0-0) nun partido eslamiado
Por Redacción |
-
O descenso directo, a nove puntos tras sancionar Competición ao Real Racing
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra prepara unha viaxe organizada para que os seus afeccionados acompañen o equipo en Xixón
Por Redacción |
-
Ao Pontevedra bástalle cunha gran primeira parte para impoñerse (3-1) ao Izarra
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |