Desconto máxico para o Pontevedra que suma a cuarta consecutiva á conta da Arandina (2-3)
Por Redacción
Un gol de Pablo Carnero, empuxando e culminando unha gran contra de Kevin Presa, deu a vitoria no desconto ao Pontevedra, a domicilio, fronte a unha Arandina que conseguiu igualar os dous tantos, ambos de Borjas, cos que os granates se puxeron por diante nunha boa primeira metade.
Curiosamente os burgaleses xogaron mellor cando se atoparon en inferioridade pola expulsión (dobre amarela) de Borja Plaza, conseguindo o empate e logrando por momentos poñer en serios apuros a un Pontevedra nervioso ao ver como se lle escapou a vantaxe lograda.
Os de Luisito seguen tocados cunha variña máxica, ademais de non deixar de loitar ata que o árbitro pite o final. Froito diso foron dous goles conseguidos no tempo de prolongación de cada período, o último cando peor parecían pintar as cousas ante o empuxe local.
O partido estivo marcado, ademais, polas accións a balón parado, tanto que os catro primeiros goles chegaron desa forma.
Foi un moi bo Pontevedra, nos primeiros 45 minutos, que non pasou grandes apuros (unicamente un disparo de Javilillo que sae alto e outro de Gonzalo ao lateral da rede).
Ben posicionado sobre o campo, os granates lanzaban constantes contras, ademais de crear moito perigo nas faltas laterais. Jandrín daría o primeiro aviso cruzando fóra por moi pouco (minuto 3) e outro remate de Álex Fernández, que saíu moi frouxo ás mans do porteiro.
A mellor ocasión chegaría de novo tras un saque de falta de Mouriño. Prodúcese un barullo na área, que resolve Capi, pero o seu remate márchase fóra. Sería pouco antes de que chegase o primeiro gol do partido. De novo Mouriño saca unha falta e Borjas no segundo pau remata sen oposición.
O mesmo Mouriño puido facer o segundo, pero o seu remate saíu alto. Mentres, os locais pedirían penalti (minuto 38) nunha caída de Nico na área galega, que o árbitro, con bo criterio, non sinalou.
Ata que no desconto unha nova falta a favor do Pontevedra sácaa nesta ocasión o mesmo Borjas cun disparo directo que se lle escapa ao porteiro local por baixo do seu corpo, significando o 0-2.
Pero o descanso non sentou ben aos de Luisito, que pouco despois de renovarse o xogo encaixaban o primeiro gol local, nun remate de cabeza de Pajarero, en falta lanzada polo exgranate Gonzalo.
O gol deu ás á Arandina na mesma medida que levaba nervios aos visitantes. Aínda así, Jandrín puido devolver a tranquilidade nunha contra que non acertou a concretar (minuto 54), enviando o balón ás mans de Diego, sen ver a posición de Borjas, que estaba completamente desmarcado.
Foron os peores minutos do Pontevedra, que atopou a súa táboa de salvación en Edu, con dúas paradas sensacionais que evitaron o empate.
Pasada a hora de xogo unha dura entrada de Borja Plaza significaba a segunda amarela, deixando aos locais en inferioridade. Con todo a situación non foi aproveitada polo Pontevedra que, co partido abdolutamente tolo e convertido nun perigoso toma e daca no que calquera podía marcar. Non chegou en xogada, pero se de novo a balón parado e significou o empate a dous. Foi nun corner que rematou Fran Adeva.
Os de Luisito acusaron o golpe, pero non renunciaron á súa principal arma nesta ocasión, as contras coas que crearon varias situacións de perigo para volver poñerse por diante. Puideron facelo por medio de Borjas e Anxo. De feito fíxoo o primeiro a pase do de Riveira, pero o árbitro anulou a acción por discutible fora de xogo.
Cos locais envorcados, primeiro chegou unha ocasión para Verdú, ao fío do tempo regulamentario, que saíu fóra, e logo a sentenza no tempo engadido nunha xogada na que Kevin Presa fíxoo todo para plantarse ante Diego e elevarlle o balón. Pablo Carnero chegou para empuxar e certificar a cuarta vitoria consecutiva do Pontevedra.
ARANDINA CF (2): Diego; Borja Plaza, Pajarero, Arturo, Mauri; Gonzalo, Adri (Manu Rodríguez, minuto 56); Javilillo, Nico (Adeva, minuto 71), Carlos (Pablo, minuto 66); e Pau Franch.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Adrián, Campillo, Capi, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández (Pablo Carnero, minuto 73); Jandrín (Anxo, minuto 65), Mouriño, Jacobo (Pedro García, minuto 52); e Borjas.
Árbitro: David Gálvez Rascón (Madrid), auxiliado nas bandas por David Bernal Martín e Javier Roldán Bernardo. Expulsou por dobre amoestación ao xogador local Borja Plaza (minuto 61). Amoestou a Adri, Pau, Carlos, Adeva e ao adestrador, Javi Bermúdez, pola Arandina, e a Campillo, Verdú, Kevin Presa e Álex Fernández, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 26: Borjas. (0-2) Minuto 45+2: Borjas. (1-2) Minuto 48: Pajarero. (2-2) Minuto 72: Adeva. (2-3) Minuto 93: Pablo Carnero.
Incidencias: Campo do Montecillo (Aranda de Duero-Burgos). Uns 1.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Un erro defensivo e unha nefasta arbitraxe condenan o Pontevedra ante o Logroñés (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A Unión Deportiva Logroñés mide a ambición do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O substituto de Campillo, principal dúbida do Pontevedra ante o Logroñés
Por Diego Espiño |
-
Arandina, proba de lume para un Pontevedra en alza
Por Ramiro Espiño |
-
Sarxento Luisito
Por Ramiro Espiño |
-
Mouriño dá a vitoria a un Pontevedra que remonta ao Atlético Astorga (2-1) nunha boa segunda parte
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |