Puro espectáculo e sensacional vitoria sobre a bucina do Teucro (28-27) sobre Ademar León
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Para enmarcar. Que este Teucro vai en serio é algo que podía apreciarse desde o comezo de liga, pero o presenciado na noite deste sábado no Municipal fronte a todo un grande como Ademar León, é sinxelamente o "doutoramento" azul no seu retorno á máxima categoría, tras un partido memorable, épico, intenso e vibrante como poucos.
Gañar a Ademar está ao alcance de moi poucos equipos nesta liga Asobal, pero facelo do modo en que o fixeron os de Quique Domínguez menos aínda. Mandando. Levando a iniciativa durante toda a primeira metade e boa parte da segunda, pero sabendo sufrir cando se viu por baixo, recuperando para remontar no último segundo, sobre a bucina, cun gol de Iván Fernández, nunha penetración desde o extremo, que fixo explotar de xúbilo a un público enardecido cos seus, na mesma medida que provocou as mornas protestas leonesas, ao estimar que a bucina xa soara cando o lanzamento que deu a vitoria ao Teucro aínda non traspasara a liña de gol.
Foi puro espectáculo. Cun Teucro que bordou o balonmán nos primeiros 20 minutos, chegando a alcanzar vantaxes de ata cinco goles (8-3, minuto 13) e un factor fundamental para converter o partido nun toma e daca de ambolos dous equipos, a entrada baixo paus do meta visitante Nacho Biosca, fundamental para que os seus metésense no partido, e mesmo estivesen moi preto de levar os puntos na segunda parte.
Os de Rafa Guijosa non lle perderon a cara ao ritmo trepidante que tentou impoñer o Teucro, que cando puido correr estivo moito máis a gusto que Ademar. O resultado ao descanso era reflexo da igualdade que se mantería logo na continuación.
Só tres minutos despois do regreso de vestiarios, Juanín García poñía por primeira vez por diante a Ademar, cuxas vantaxes nunca chegarían a superar os dous goles. As alternativas sucedíanse, pero agora eran os visitantes quenes levaban a iniciativa, cun Nacho Biosca inmenso.
A falta de oito minutos Ademar mandaba (23-25). García Pichel mantiña aos azuis no partido con dous goles. O Teucro poñíase a un a falta de tres minutos. E se Nacho Biosca era un xigante, na portería contraria emerxeu Ricardo Amérigo para construír un muro contra o que se estrelou Ademar.
García Pichel empataba (27-27), despois de que José Manuel Rial non acertase só en seis metros. Quedaba un minuto de xogo. Juanín García asumiu a responsabilidade, pero Ricardo Amérigo tapou todos os ocos e quedou co balón. Con 30 segundos para facer un último ataque, o Teucro atopou o impar polo extremo e Iván Fernández fixo que os puntos quedasen na casa.
Consumouse a xesta. O espectáculo continúa. E é que este Teucro é iso: puro espectáculo.
SD TEUCRO (28): Ricardo Amérigo; Arkaitz Piriz (4), Erik Balenciaga (2), García Pichel (7), Gonzalo Carró (2), Carlos García (1), Dani Hernández (5, 1 de penalti) -sete inicial-, Andrés Delgado (p.s.); David Chapela (2), Víctor Rodríguez, Iván Fernández (3), Román Pedreira, José Manuel Rial (2), Edu Moledo e Samu Gómez.
ADEMAR LEÓN (27): Vladimir Cupara, Gonzalo Carou (1), Federico Matías Vieyra (4), Felipe Sampaio (1), José Mario Carrillo (5), Ignacio Huerta (2), Mikel Aguirrezabalaga (6) -sete inicial-, Nacho Biosca (p.s.); Juanín García (2, 1 de penalti), Pérez Arce, Diego Piñeiro (3), Acacio Marqués (3), Amer Zildzic, Javier García, Denis Tot e Juan José Fernández.
Árbitros: Gonzalo Miranda Bedate e Fernando San Pedro Colorado (Madrid). Excluíron dous minutos a Gonzalo Carró, José Manuel Rial e Dani Hernández, polo Teucro, e a Juan José Fernández (2) e Felipe Sampaio, polo Ademar León.
Marcador (cada cinco minutos): 4-1, 6-3, 8-5, 10-9, 13-12, 14-13 (descanso), 17-17, 19-20, 20-22, 23-23, 24-26 e 28-27 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Preto de 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro busca "sin excusas" en Aranda de Duero o seu primeiro triunfo a domicilio
Por Diego Espiño |
-
Adeus aos partidos en sábado no Municipal
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Bidasoa apea o Teucro da Copa do Rei cun gol a falta de cinco segundos (30-29)
Por Redacción |
-
Chamamento do Teucro a súa afección para o "complicado" partido contra o Ademar León
Por Alejandro Espiño |
-
Fraikin Granollers acredita o seu excelente momento e non dá opción ao Teucro (35-25)
Por Redacción |
-
Condenados a pagar máis polas viaxes ante a pouca previsión de Asobal
Por Diego Espiño |