Lourdes Domínguez despídese de Australia tras caer, tamén en primeira rolda, no cadro de dobles
Por Alejandro Espiño
Este foi, probablemente, un Open de Australia do que a tenista pontevedresa Lourdes Domínguez preferirá non acordarse. Tras caer en primeira rolda do cadro individual ante a rusa Svetlana Kutnesova, coa súa parella de dobres, a guipuscoana Lara Arruabarrena, as cousas non foron moito mellor. Despedíronse do torneo, o Grand Slam co que se abre a tempada, tamén ás primeiras de cambio.
Non puideron coa parella formada pola tamén española Arantxa Parra e a xaponesa Kimiko Date. Caeron en tres sets (4-6, 6-3, 6-2). Malia adxudicarse o primeiro parcial, no que foron moi superiores ás súas rivais, a pontevedresa e a súa compañeira non foron capaces de manter o seu nivel de xogo. Especialmente no terceiro e definitivo set, onde só realizaron 17 golpes ganadores fronte aos 32 da parella rival.
Lourdes Domínguez tiña depositadas moitas esperanzas no torneo de dobres. E non era para menos. Fai apenas unha semana chegou, con esta mesma parella, ás semifinais do torneo da WTA en Hobart. E esa desilusión despréndese da mensaxe que deixou na súa Twitter persoal. Un breve comentario no que se despide de Australia.
Se acabo la gira australiana..Mejor no digo nada..Buenos dias a todos y que paseis un buen dia!Yo al aeropuerto con viaje corto de vuelta
Lourdes Dominguez (@ldominguezlino) enero 16, 2013
As próximas citas da tenista pontevedresa serán xa en Latinoamérica. Comeza unha xira por varios torneos nos que, tradicionalmente, non lle foi nada mal. En Bogotá foi onde, en 2006, gañou o seu primeiro título individual tras ser finalista o ano anterior, un triunfo que repetiu cinco anos despois.