Lourdes Domínguez, eliminada en Australia ao caer na primeira rolda (6-2, 6-1) ante a rusa Svetlana Kuznetsova
Por Alejandro Espiño
Parece que Lourdes Domínguez non empezou con bo pé este 2013. Tras caer ás primeiras de cambio nos seus dous primeiros torneos da tempada, Brisbane e Hobart, o seu debut no Aberto de Australia non foi moito mellor. A tenista pontevedresa, actual número 46 do mundo, perdeu de forma contundente (6-2, 6-1) ante a rusa Svetlana Kuznetsova na primeira rolda do primeiro Grand Slam do ano.
Aínda que Kuznetsova non se atopa no seu mellor momento de forma (antes de Australia estaba situada no posto 75 do ránking mundial), non era unha rival fácil. A rusa, unha tenista formada en España, chegou a ser número 2 do mundo. E deixou mostras de calidade durante o partido. Tan só necesitou unha hora para eliminar á pontevedresa, quen tan só puido anotar nove golpes gañadores en todo o partido.
Con esta eliminación, Lourdes Domínguez non logra mellorar o resultado alcanzado en Australia o ano pasado. En 2012 tamén caeu en primeira rolda. E do mesmo xeito que este ano, a rival era moi complicada. Naquel entón, foi a serbia Ana Ivanovic, ex-número un do mundo, a responsable da súa eliminación no seu debut nas pistas australianas.
Malia esta dolorosa derrota, Lourdes Domínguez non se despide aínda de Australia. Terá unha nova oportunidade, xa no cadro de dobres, xunto á súa compañeira Lara Arruabarrena. Ambas enfrontaranse en primeira rolda á tamén española Arantxa Parra e á xaponesa Kimiko Date. Esta última deu a primeira sorpresa en Australia ao eliminar, no torneo individual, á duodécima cabeza de serie, a rusa Nadia Petrova.