Suspendido no minuto 83 o Verín-Marín con 0-2 no marcador tras a agresión do xogador local Luisito a un árbitro asistente
Por Redacción
Unha brutal agresión do xogador do Verín, Luisito, a un dos árbitros asistentes tras ver a segunda tarxeta amarela, provocou a suspensión do partido entre o equipo ourensano e o Marín, cando discorría o minuto 83 e o resultado era favorable aos marinenses por 0-2.
O colexiado vigués, Mosquera Goce, tomou a decisión de suspender o partido cando o seu axudante, Varela Varela, recibiu un puñazo propinado polo xogador local Luisito, que deu paso a un tumulto entre os xogadores de ambos os dous equipos.
Posteriormente, o trío arbitral presentou denuncia ante os axentes da Garda Civil que estaban presentes no campo José Arjiz, onde deberon permanecer aínda dúas horas máis antes de abandonar as instalacións, para dirixirse a unha clínica ourensana co fin de realizar un recoñecemento ao asistente agredido, que se queixaba de dor na mandíbula.
Antes de que sucedesen os desagradables acontecementos finais, o partido ofreceu a un Verín que se empregou ao límite en moitas accións. Así, xa no minuto 5 unha dura entrada de Unai sobre Alfonso remata co marinense lesionado en vestiarios. Os locais estreláronse cun Iago Solla, que por segunda xornada consecutiva estivo moi acertado, mentres que os marinenses en rápidos contraataques puideron poñerse por diante en remates de Dani Domínguez e Agus.
O Marín saíu máis entoado na reanudación, conseguiu o mando da parcela ancha e plasmou a súa superiodade cos goles de Agus e Dani. Agora deberá esperar a resolución de Competición para certificar o que parece segura vitoria, elevando o seu refacho a sete xornadas consecutivas sen perder.
VERÍN (0): Piollo, Kuki (Rubén Salgado, minuto 75), Sergio, Iván (Imanol,minuto 81), David Ginzo, Víctor Allego, Luisito, Beto, Camba (Pablo García, minuto 60), Eloy (Ribeiro, minuto 70), e Unai.
MARÍN, C.F. (2): Iago Solla, Darío, Hayk, Edu Corrales, Romero, Andre, Eric, Borja Rial (Pibe, minuto 79), Dani, Agus e Alfonso (Villaverde, minuto 8).
Árbitro: Mosquera Goce, auxiliado por Varela Varela e Rivera Goces (Vigo). Mostrou tarxetas amarelas a Iván, Beto, Camba, Unai e Darío. Expulsou por dobre amoestación a Luisito, no minuto 83, suspendendo o partido nese instante ao agredir este xogador ao seu asistente Varela Varela.
Goles: (0-1) Minuto 58: Agus. (0-2) Minuto 78: Dani Domínguez.
Incidencias: Campo José Arjiz (Verín). Trescentos espectadores.