As eliminacións por persoais de Olga Fedorova e Zara Huntley condenan (86-79) un Arxil que acaricia a vitoria en Cáceres
Por Redacción
Nin sequera realizando o mellor partido da tempada o Arxil puido lograr a súa primeira vitoria do curso ligueiro na súa visita á pista do Club Baloncesto Al-Qazeres. As eliminacións por persoais das súas dúas mellores armas no xogo interior, Olga Fedorova e Zara Huntley, deixaron ás de Mayte Méndez a mercé do seu rival no último cuarto e, cun parcial demoledor de 34-11 a favor das locais, remataron derrotados por 86 a 79, quedándose de novo ás portas de sumar unha primeira vitoria que practicamente tiñan na man ao termo do terceiro cuarto, cando mandaban por 16 puntos.
As pontevedresas saíron decididas a dar a sorpresa. Ao termo do primeiro cuarto, baixo a batuta anotadora de Olga Fedorova e Zara Huntley, colocábanse 7-19 no marcador. Cun excelente balance tanto defensivo coma ofensivo, a pesar da reacción das cacereñas no segundo cuarto, o Arxil conseguiu chegar ao descanso con esa mesma renda de 12 puntos (30-42).
Aínda ampliarían as de Mayte Méndez a súa vantaxe na reanudación. Os 16 puntos de vantaxe cos que selaron o terceiro parcial facían soñar coa ansiada primeira vitoria, pero chegarían as eliminacións por cinco faltas de Olga Fedorova e Zara Huntley, e con elas o desastre dun Arxil, que con ese parcial nos últimos 10 minutos de 34-11, vía como de novo se lle escapaba un triunfo, nesta ocasión máis que merecido.
C.B. AO QAZERES (86): Gabriela Rodríguez (4), De la Fuente (15), Verónica Sánchez (14), Carla Ramos (11), Ndidi Madu (28) -cinco inicial-. Jara Salgado (14), Ndeye Samba e Elena Corrales.
C.B. ARXIL (79): Sandra Entenza, Ana Martín (6), Carla Fernández (14), Zara Huntley (17), Olga Fedorova (24) -cinco inicial-. Marina Ramírez (10), Jara Tuda (2), Estefanía López (6) e Cristina Díaz-Pache.
Árbitros: Martín Caballero e Francisco Rastrollo. Eliminados por cinco persoais Zara Huntley e Olga Fedorova.
Parciais: 7-19, 23-23 (30-42, descanso), 22-26 (52-68) e 34-11 (86-79, final).
Incidencias: Pavillón municipal Juan Serrano Macayo (Cáceres). Uns cen espectadores nas bancadas.