Cisne e Octavio regalan aos afeccionados un bo espectáculo no XIX Memorial Manuel Luaces
Por Redacción
Espectáculo e balonmán do bo. Sobre o papel a diferenza de categoría existente entre ambos os dous equipos situaba ao Cisne como presa doada para un equipo de Liga Asobal como o Academia Octavio vigués, non obstante o sucedido no parqué do pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra distou moito de ser un paseo para os de Quique Domínguez, que tiveron que empregarse a fondo para rematar vencendo (27-32), pero que deberon esperar ata os últimos dez minutos para conseguir reducir a resistencia dun Cisne moi motivado.
Os de Milucho Pintos, como querendo render especial recordo a quen fora un dos personaxes claves do club, no seu memorial, puxeron sobre a pista as tradicionais armas do equipo: velocidade e intensidade e o Octavio viuse sorprendido marchando a remolque no luminoso durante gran parte do partido.
O público, que practicamente enchía as bancadas, gozaba do espectáculo, recordando os mellores tempos do equipo local. Impúxose a lóxica, si, pero o Octavio tivo que sufrir e poñerse o mono de faena para dar a volta ao marcador e levarse o partido, impoñendo a súa calidade e eficacia nas accións de ataque, tirando de experiencia na recta final do choque.
CLUB CISNE (27): Toño Lafuente; Álex Chan (1), Pablo Domínguez (7, 1 de penalti), Pablo Picallo (2), Alberto Casares (5), Martín Iglesias (2), Adrián Freiría (2) -sete inicial-, Iván Abilleira, Bruno Montesinos (1), Pablo Galán, Javi Vázquez (1), Pablo Rey, Miguel Simón (2), Pachi Dacosta e Dani Puente (4).
ACADEMIA OCTAVIO (32): Chantada; Juárez (6, 1 de penalti), Dani Gómez (4), Rafa Dasilva (5), Cerillo (2), Kallman (6), Víctor León (1) -sete inicial-, Pablo Correa, Lloria, Figueirido (3), Jabato (2), Rogelio Rodas e Germán Hermida (3).
Árbitros: Sergio Rodríguez e Andrés Bacelar. Excluíron por dous minutos a Iván Abilleira, Bruno Montesinos e Cerillo.
Marcador (cada cinco minutos): 3-3, 4-7, 9-8, 13-11, 14-14, 17-16 (descanso), 19-18, 22-21, 23-24, 25-27, 27-31 e 27-32 (final).
Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación deportiva de Pontevedra. XIX Memorial Manuel Luaces de balonmán. Case cheo nas bancadas.