O Teucro, un equipo de videoxogo
Por Diego Espiño
Os afeccionados pontevedreses ao balonmán están de noraboa, e é que a Sociedad Deportiva Teucro estará presente na próxima edición de Handball 16, videoxogo de última xeración dedicado en exclusiva ao balonmán.
Este videoxogo, que xa contaba coa opción de xogar na Ligue Nationale de Handball (Francia) e a Bundesliga (Alemaña), incorpora este ano a Liga Asobal española.
O acordo anunciouse o pasado mes de xuño, pero non foi ata agora cando, recén ascendido á máxima categoría, solicitaron ao Teucro os datos do seu plantel para incorporalos ao videoxogo.
O club pontevedrés enviou a pasada semana fotos e datos concretos de todos os seus xogadores, que serán incluídos na base de datos do xogo, cuxa data de lanzamento comercial será o 20 de novembro.
Handball 16 permite, segundo explican os seus creadores, coller o control dos equipos das mellores ligas e aplicar estratexias reais de balonmán. Ademais inclúense modos de xogo como a carreira clásica ou diferentes modos da tempada e a opción multixogador.
Foi desenvolvido polo estudo francés Eko Software e será distribuído por Bigben Interactive para Xbox One, Xbox 360, PlayStation4, PlayStation3, PC e PlayStation Vita.
Relacionadas:
-
A falta de acerto en defensa cústalle ao Teucro a derrota fronte ao Go Fit en Santander (29-28)
Por Redacción |
-
Duelo ante un rival directo pola permanencia na primeira saída da tempada para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
David Chapela conduce o Teucro á vitoria (29-26) sobre o Guadalajara no retorno a Asobal
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |