O Rei Juan Carlos I navegará en Sanxenxo na súa volta á competición deportiva
Por Redacción
Este luns presentouse no Corte Inglés de Santiago de Compostela unha nova edición da Regata Rei Juan Carlos I El Corte Inglés Máster, cita que en 2015 estrea nome coa inclusión da denominación Rei Juan Carlos I e que contará con presenza real grazas á participación do propio Don Juan Carlos. Ademais, a regata baterá este ano o seu propio récord con 250 barcos divididos en dez clases competindo en augas de Sanxenxo durante toda a fin de semana.
Os organizadores recibiron con moita satisfacción tanto a noticia de que se lle concedese á regata levar o nome de Juan Carlos I, coma a da futura presenza do propio monarca en Sanxenxo; un feito que recibiu o apoio unánime de todos os organismos públicos e privados asistentes, tanto de Portos de Galicia coma da Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo, ademais da Federación Galega e El Corte Inglés.
Pedro Campos, Presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, confirmaba ademais que o Rei Don Juan Carlos "volverá navegar como patrón, en augas galegas e en Sanxenxo" e farao na división Clásicos Rías Baixas no "Acacia", barco de 1929. "Vai ser o seu reencontro coa competición. Vincúlanlle moitas cousas con Galicia e con Sanxenxo e el mesmo pediu e querido navegar".
Ao Rei Don Juan Carlos uniranse moitos rostros coñecidos do deporte da vela como sinalaba Campos: "Veremos catro medallas de ouro olímpicas, dous deles galegos, e máis de 35 títulos mundiais, ademais dos dous patróns galegos que gañamos na pasada Copa do Rei Mapfre. En definitiva: un importante nivel deportivo".
"Sanxenxo está a medio camiño entre o Atlántico e o Mediterráneo. A nosa vontade é que Galicia sexa un punto de encontro entre ambos os dous puntos e niso estamos a traballar. Ao longo dos próximos días confirmaremos os nomes de personalidades estranxeiras que van vir aquí. E cando alguén a ve e proba, volve. É a vantaxe que temos en Galicia, e iso pode ser un gancho de cara ao futuro", engadía Campos.