David Chapela conduce o Teucro á vitoria (29-26) sobre o Guadalajara no retorno a Asobal
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Posiblemente se calquera afeccionado teucrista tivese sonos felices co seu equipo, na noite anterior ao primeiro partido de liga na tempada do conxunto pontevedrés a Asobal, non tería imaxinado nada mellor que o vivido no Municipal. Partidazo para sumar os dous primeiros puntos, pero sobre todo para convencerse (se algún aínda non o estaba) que este equipo non vai de comparsa na máxima categoría.
O conxunto azul superou ao Guadalajara de principio a fin, Supo xogar abrindo brecha e soubo aguantar controlando os nervios cando os alcarreños se aproximaron ao termo de cada período, facendo temer á bancada. Os de Quique Domínguez foron mellores en conxunto, pero tamén nas accións individuais, cun David Chapela sinxelamente estelar que se botou o equipo ás costas ata converterse no heroe da noite.
Once goles anotados, pero especialmente conseguidos en momentos clave, como os dous últimos que pechaban o partido e deixaban ao Guadalajara sen posibilidade de remontar, foron a contribución dun David Chapela ao que Quique Domínguez utilizou como lateral esquerdo, deixando a posición de central e a dirección de xogo a outro dos homes que marabillaron os afeccionados.
Erik Balenciaga demostrou que se os centímetros son importantes en balonmán, máis o é o talento. Carente do primeiro, o xogador vasco está sobrado do segundo. O seu xogo dinámico, a súa explosividade nas accións, foron unha bendición para os seus e un tormento para os visitantes, provocando exclusións, recuperando balóns e dando solucións na circulación. Unicamente lle faltou un pouco máis de acerto no lanzamento para redondear unha sobresaínte actuación.
E non sería xusto deixar de mencionar o "terceiro home", o terceiro factor clave para a vitoria. foino o capitán, Carlos García, asumindo a responsabilidade nos lanzamentos de sete metros, sen tremerlle o pulso malia ter en fronte a todo un campión do mundo como o exteucrista Joseja Hombrados.
O Teucro se foi pronto, situando no marcador un 6-1 aos oito minutos de xogo, que parecía incrible. Cunha defensa soberbia, que mantería todo o partido, os de Quique Domínguez asinaron uns 15 minutos iniciais marabillosos, deixando o seu rival en só tres goles (9-3). Logo Guadalajara reaccionaría cunha defensa moi aberta que fixo dano, logrando parar momentaneamente o ataque local. Iso serviulle para irse ao descanso moi preto.
Pero o Teucro regresou á pista convencido e volveu escaparse. Primeiro de catro (19-15, minuto 37), logo ata recuperar a máxima vantaxe do partido (25-19, minuto 51).
Con nove minutos por diante, o conxunto alcarreño arriesgou á desesperada cunha dobre mixta que lle fixo cometer ata tres erros seguidos en ataque o Teucro e poñerse cun inquietante 27-26 a falta dun minuto. David Chapela saíu ao rescate e dous goles seus selaron un triunfo tan valioso como brillante e merecido.
SD TEUCRO (29): Ricardo Amérigo; David Chapela (11, 1 de penalti), Víctor Rodríguez (2), Gonzalo Carró (3), Carlos García (7, 5 de penalti), José Manuel Rial, Edu Moledo (2) -sete inicial-, Andrés Delgado (p.s.); Arkaitz Piriz, Erik Balenciaga (1), García Pichel, Iván Fernández, Román Pedreira, Dani Hernández (3) e Samuel Gómez.
BM GUADALAJARA (26): Joseja Hombrados; Javier Parra (2, 1 de penalti), Márquez (7), Montoya (2), Janos Levente (1), Fabio Rocha (6), Ales Abrao (5) -sete inicial-, Carlos Barbero (p.s.), Adrián Eceolaza (p.s.); Sergio Mellado, Nicolás López (2), Bozalongo (1), Ignacio Moya, Sedano e Míkel Redondo.
Árbitros: José Luis Fernández Fernández (Asturias) e Antonio Martín Franco (León). Excluíron dous minutos a Carlos García, Dani Hernández e Gonzalo Carró, polo Teucro, e a Montoya, Márquez (2), Sergio Mellado (2), Javier Parra, Ales Abrao (2) e Nicolás López, polo Guadalajara.
Marcador (cada cinco minutos): 3-1, 6-2, 9-3, 11-7, 12-10, 13-12 (descanso), 18-15, 21-17, 23-18, 24-19, 25-22 e 29-26 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Primeiro partido de liga, co regreso do Teucro a Asobal despois de seis anos. Uns 1.000 espectadores.
Relacionadas:
-
A falta de acerto en defensa cústalle ao Teucro a derrota fronte ao Go Fit en Santander (29-28)
Por Redacción |
-
Duelo ante un rival directo pola permanencia na primeira saída da tempada para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro, un equipo de videoxogo
Por Diego Espiño |
-
A Asobal volve seis anos despois a Pontevedra cun Teucro que avisa: "Venimos para quedarnos"
Por Diego Espiño |
-
Cisne e Teucro xa coñecen os seus rivais para a Copa do Rei
Por Redacción |
-
Frigoríficos Morrazo leva a Copa Galicia derrotando (28-30) o Teucro
Por Redacción |