Máis de 150 xogadores de xadrez participarán no III Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Ver como xoga un campión de Europa de Veteranos como o portugués Antonio Frois será un dos atractivos que ofrece o III Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra que se celebrará entre o 9 e o 15 de agosto nas instalacións do Casino Mercantil en Mourente.
A organización espera a presenza de máis de 150 xogadores procedentes tanto de Galicia, coma de diferentes comunidades de España ademais de Cuba, Arxentina, Portugal, Serbia, Alemaña ou Inglaterra. Entre os participantes agárdase a presenza de catro Grandes Mestres, 5 mestres internacionais e 3 mestres Fide, convertendo esta cita no torneo de xadrez máis importante de Galicia.
As dez primeiras partidas, ao igual que en 2014, serán transmitidas a través de Internet e tal como indicou durante a presentación no Concello o presidente da Escola Xadrez de Pontevedra, Daniel Rivera, contan cun importante seguimento.
Este mércores 5 de agosto na praza Curros Enríquez, de 17.00 a 19.00 horas desenvolverase unha exhibición de partidas simultáneas realizadas polo Campión de Europa Antonio Frois e polo xogador Olímpico e Gran Mestre, Manuel Pérez Candelario.
A Escola Xadrez de Pontevedra, segundo Antonio Frois, conta con moi bo nivel e está conformada por 250 persoas con ficha federada, oito equipos na Liga Galega e xogadores con tan só catro anos de idade.