Pontevedra pretende organizar 13 probas de piragüismo en 2013, catro delas de ámbito nacional
Por Redacción
O piragüismo será un dos protagonistas deportivos do ano en Pontevedra a tenor das opcións que a cidade ten de albergar diferentes eventos a nivel galego e nacional. Segundo as previsións que manexan Concello e Federación Galega de Piragüismo poderían ser ata 13 as citas, catro delas de ámbito nacional.
A cidade opta a organizar en dous fins de semana do mes de maio a Copa de España de 500 e 200 metros xuvenil e sénior e a Copa de España de 1.000 metros de Novas Promesas. Cada unha destas probas supoñería a presenza de 500 deportistas.
En datas estivais, aínda por confirmar, Pontevedra postúlase tamén como sede do Campionato de España en categorías sénior, júnior e novas promesas con preto de 800 participantes. O concelleiro de Deportes Agustín Fernández asegura que o que se pretende é que Pontevedra siga sendo unha referencia deste deporte, "está moi ben que fagamos esforzos noutras modalidades, pero convén non esquecer aquelo que dá identidade propia ao deporte pontevedrés dende hai moitos anos".
No marco autonómico, o río Lérez será o escenario do Campionato Galego de Maratón, primeiro ensaio do circuíto que acollerá o Campionato de España en 2014 e, si a candidatura prospera, o Europeo de 2015. Ademais, o Pontillón do Castro acollerá diversos controis aos deportistas da Comunidade e o Campionato Galego en pista, ao que se suma o segundo ano que será sede do Trofeo Príncipe de Asturias.
A concellería de Deportes e a Federación Galega de Piragüismo asinarán un convenio polo que o goberno local comprométese a aportar 20.000 euros para o pago dos cánones federativos e gastos de organización das diferentes probas.