Miguel Sío, primeira lesión do ano para o Teucro
Por Diego Espiño
Nin co cambio de ano as lesións deixan tranquila á Sociedad Deportiva Teucro. Se a volta ao traballo confirmaba que César Armán deberá pasar polo quirófano para solucionar os seus problemas no ombreiro, o primeiro partido amigable programado para este mes deparou unha nova baixa, a de Miguel Sío.
O extremo fracturouse os ósos do nariz no partido do pasado sábado ante o Balonmano Conxo, o que lle manterá afastado das canchas durante un mes. A parte positiva é que a competición non se inicia de novo ata o 2 de febreiro, pero Sío converteuse en seria dúbida para ese encontro contra o filial do Fútbol Club Barcelona no Municipal. O xogador será operado o xoves no Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra.
Partido ante a Selección Australiana
O Teucro disputa este martes (19:30 horas) o segundo amistoso da particular pretemporada que iniciou mentres a liga permanece parada ante a disputa do Campinato do Mundo de Balonmán. O obxectivo, segundo Javier Barrios, é manter a boa forma, "se trata de ir cargando pilas y coger buenas sensaciones. Tenemos un mes así que no hay que tener prisa".
O rival nesta ocasión será unha das seleccións mundialistas e rival de España na primeira fase do torneo, o combinado de Australia. Despois será a quenda do Lavadores na Copa Deputación, e en función de como se desenvolva o torneo, a directiva teucrista iniciou as xestións con Octavio e Cangas para intentar disputar algún encontro máis.