Pontevedra C.F. e Deportivo disputarán o próximo xoves a LIII edición do Trofeo Luis Otero
Por Ramiro Espiño
Pendente de confirmar a hora na que se disputará o partido, a LIII edición do histórico Trofeo Luis Otero terá un cartel de luxo. O rival do Pontevedra será o Real Club Deportivo da Coruña, que renderá visita co seu equipo ao completo, o que permitirá que os afeccionados poidan ver en acción ao equipo branquiazul no ano do seu retorno á Primeira División e na semana previa a recibir en Riazor a visita do F.C. Barcelona.
O partido xogarase o próximo xoves, día 11, despois de fixar xa os prezos das localidades o club granate, que será o mesmo que vén sendo habitual nos partidos oficiais de liga, é dicir: Tribuna 18 (adultos) e 9 (júnior 12-18 anos), Preferencia 14 e 7 e Fondos 10 e 5 . Os socios terán libre acceso presentando o seu carné da tempada actual e os menores de 12 anos tamén terán entrada gratuíta presentando convite do club, que poderá ser recollida nas oficinas do Pontevedra, na rúa Benito Corbal, a partir do próximo luns, data e lugar no que tamén se poñerán á venda as entradas.