O Pontevedra busca saída para Jorge Rodríguez que non entra nos plans de Luisito
Por Ramiro Espiño
De heroe a vilán nun par de semanas. Pode ser o caso de Jorge Rodríguez, autor de catro dos seis goles que o Pontevedra conseguiu no play-off de ascenso (dous deles no partido decisivo fronte ao Haro Deportivo) que levaron ao conxunto granate de volta á Segunda División B, podería verse obrigado a abandonar o equipo, malia ter un ano máis de contrato como consecuencia de ter obtido o devandito ascenso, ao non entrar nos plans do adestrador, Luisito, de cara á próxima tempada.
Aínda que dende o club non se dixo nada oficialmente, PontevedraViva puido saber que o técnico contactou co xogador para facerlle saber que non conta con el para o campionato en Segunda B. Jorge, encóntrase de vacacións como o resto dos seus compañeiros, no seu caso lonxe de Pontevedra tras casarse poucos días despois de conseguir o ascenso.
Esta situación obriga o club granate a intentar negociar a rescisión de contrato, ao mesmo tempo que se sonda xa o mercado en busca dun dianteiro goleador que acompañe a Pablo Carnero na parte de arriba do equipo.
CENTRÓN E ÁLVARO MUÑIZ
En situación semellante encóntranse Miguel Centrón e Álvaro Muñiz. Ambos os dous garantíanse co ascenso a renovación por unha tempada máis, pero tamén recibiron noticias do club no sentido de que o corpo técnico non conta con eles, polo que se busca unha saída para ambos os dous.
Deste modo, e pendente dos contactos que aínda han de facerse con outros compoñentes do equipo, que poderían incrementar o capítulo de baixas, coas confirmadas de Benja e Rubén Lobato, o Pontevedra prescinde de cinco xogadores dos que participaron na consecución do ascenso.
Relacionadas:
-
Fran Fandiño deixa o Pontevedra e marcha cedido ao Arosa
Por Ramiro Espiño |
-
Tomás, Bruno e Adrián seguen no Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Real Valladolid, Marcón Atlético, UD Ourense e Portonovo, rivais de pretempada do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Acordo con Luisito para prorrogar o seu contrato por unha tempada
Por Redacción |
-
O núcleo duro do equipo, con contrato en vigor
Por Diego Espiño | Creada e actualizada