Unha exhibición de scooter cita en Marín ao mellor rider de skatepark de España
Por Redacción
Sergi Jiménez, premio ao mellor rider de skatepark e mellor edit de skatepark do ano 2014, visitará este venres 10 de xullo Marín da man da asociación cultural e deportiva Marín pro riders. Será a partir das 19.00 horas no skate park situado detrás da parada de autobús da avenida de Ourense de Marín, o coñecido como 'half da estación'.
Segundo informou o concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, haberá unha exhibición de scooter na que participarán os rapaces do equipo da asociación Marín pro Riders, se ben a estrela será Sergi Jiménez, un rider de tan só 16 anos natural de Salou (Tarragona) moi coñecido polos seus videos en Youtube.
A actividade prolongarase durante ao redor dunha hora e prevese unha alta participación e éxito de público.
CAMPIONATO DE ESPAÑA DE XADREZ
Por outra parte, o Club Ajedrez Marín deu a coñecer este mércores que tres dos seus integrantes, Paula García Álvarez -actual subcampiona galega-, Bernardo Rebolo Montes e Víctor Santiago García, participarán entre o 20 e o 25 de xullo no Campeonato de España sub 16. Será na localidade de Salobreña, en Granada.
Segundo explicou o seu adestrador, Miguel Ángel Santiago, durante o campionato terán en Salobreña á súa disposición para recibir clases a Jacobo Caselas, un mestre internacional de orixe coruñesa.