José María Odriozola inclúe á Gimnástica na Xunta Directiva da Real Federación Española de Atletismo
Por Redacción
A Sociedad Gimnástica de Pontevedra, continúa gañando peso dentro dos órganos de goberno da Real Federación Española de Atletismo. Se o pasado 16 de decembro foi elixida para formar parte da Comisión Delegada da Asemblea, o órgano que a representa cando non está reunida, o reelixido presidente da Real Federación Española de Atletismo, José María Odriozola, acaba de confirmar a Sociedade Ximnástica como novo membro da súa Xunta Directiva.
Odriozola reunirá a súa nova directiva por primeira vez o próximo 18 de xaneiro, en Madrid, cita na que estará presente un representante do club que preside Ramón Touza, que deste xeito ve recoñecido o traballo que veñen realizando á fronte da Gimnástica.
En busca de mínimas para os próximos Campionatos
Este sábado Ourense e Vigo celebran competicións ás que acudirán bastantes atletas da Sociedad Gimnástica, en busca de mínimas que lles permitan a súa participación nos Campionatos de Galicia e de España de pista cuberta.
Ambas as dúas competicións dispútanse pola mañá, o que obriga os atletas pontevedreses a acudir a só unha delas, co que terán unha soa oportunidade de conseguir a marca de cualificación para os Campionatos Oficiais, algo que no futuro debería evitar a Federación Galega facendo que este tipo de coincidencias non volvan producirse.