O Atlético Cuntis, 40 anos ... e sumando
Por Redacción
O actual cadro de persoal do Atlético de Cuntis e os veteranos que o fundaron e fixeron posible as primeiras andanzas do club déronse cita este sábado para poñer o broche de ouro aos actos do 40 aniversario do seu nacemento, en agosto de 1973.
A xuntanza, que reuniu a 150 persoas na vila termal, permitiu compartir historias, anécdotas e opinións e render homenaxe a quen fixo posible estas catro décadas de historia. Á cita non faltou o crego Manuel Barros Brey, actual párroco de Moaña que foi un dos promotores do club e este sábado rememorou: "Gustábame moito o fútbol, e en Cuntis había un magnífico ambiente xuvenil, san e deportivo. E todo o mundo axudou".
A xornada festiva incluíu unha exposición histórica na Casa da Cultura, composta por fichas dos xogadores, trofeos, fotos, recortes de prensa e mesmo libros de contas. Serviu de marco a un acto no que interviron o presidente actual do club, Francisco Fontenla (Choco); o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Fran Fontenla sinalou que a canteira actual está formada por 124 nenos e mozos que integran as categorías inferiores, e "non se descarta" crear un equipo feminino, pois insiste en que "é posible medrar" e destaca que ve aos comercios "moi involucrados".
Rafael Louzán, que entregou un diploma conmemorativo ao club, indicou que celebracións deste tipo "unen moito ás persoas", ademais de ser unha forma de "recoñecer á xente que a cambio de nada fixera todo polo club". Louzán ponderou as instalacións "modernas" das que dispón o equipo en A Ran.
Manuel Campos, pola súa parte, indicou que o Concello "colabora sempre" co equipo e manifestou a vontade da corporación de facer "un esforzo importante" para seguir mantendo esa colaboración. O rexedor cuntiense agradeceu especialmente o seu labor ás "persoas que fundaron o club, a todos os presidentes e ás empresas colaboradoras".
Para pechar a xornada, que tamén incluíu paseos pola localidade, os presentes celebraron un xantar no balneario ‘Termas de Cuntis’, cuxos propietarios son destacados patrocinadores do club.