O campo de fútbol do Carrasco estrea iluminación, unha vella reivindicación do Marcón Atlético
Por Redacción
O campo de fútbol do Carrasco estrea iluminación. ÿ a resposta do Concello de Pontevedra a unha vella reivindicación do Marcón Atlético Club de Fútbol e permite que o novo terreo de herba sintética recén inaugurado poida explotarse ao máximo.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, entende que "non era moi lóxico que un investimento forte para a instalación da herba sintética non se puidera explotar ao máximo polas graves deficiencias do anterior alumeado".
Cun investimento de 12.000 euros, Deportes substituíu o obsoleto cadro eléctrico e instalou un total de 14 focos de 1.000 watios de potencia cada un (oito deles achegados pola Comunidade de Montes). As obras incluíron tamén a renovación completa do cableado, xa que as instalacións anteriores tiñan máis de 40 anos de antigüidade.
As obras aproveitaron as torretas existentes, garantindo unha correcta iluminación de todo o terreo de xogo. Segundo sinalan dende o Concello de Pontevedra, o presidente do Marcón Atlético, Carlos González, "amosa a súa satisfacción polo resultado dos traballos realizados".
Carlos González asegura que dispoñen dunha luz moi correcta para adestrar en horario nocturno, do que xa se están a beneficiar os máis de 200 rapaces que pertencen a todas as categorías do club e tamén doutros equipos, como o Portero 2000, co que veñen de chegar a un acordo.
González destaca tamén que o club corre cos gastos do consumo, polo que a obra realizada adáptase perfectamente a o equilibrio buscado entre unha boa luz e unha factura eléctrica razoable.