Fin de semana de taekwondo co IV Open Cidade do Lérez
Por Redacción
O pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra será escenario durante a fin de semana, sábado 6 e domingo 7 de xuño, do IV Open Cidade do Lérez de taekwondo.
A cita, organizada polo Club de Taekwondo Taekanart, reunirá a un total de 434 deportistas de 19 clubs, a maioría galegos pero tamén asturianos e un zamorano.
Deseñada "para potenciar as categorías inferiores", segundo recoñeceron na presentación Agustín Fernández e Toño Ríos, o Cidade do Lérez contará coa presenza dos sigueintes clubs: Taekanart, Mace Sport, Natural Sport Sada, CEIP Coirón, Dobok Escuela, Mat's, Garrapucho, Taekwondo Zamora, Natural Sport Ribeira, Suh Sport, Kido Sanxenxo, Couto, Hebe, Kiap, Ozono Boiro, Patiño Moaña, Taemi, Wellmess Sport Santiago e Vior.
A competición arrancará ás 10:00 horas do sábado coas probas de combate infantil e cadete, continuando ás 16:00 horas coas finais de combate cadete e a categoría júnior.
Por outra parte o domingo, de 10:00 a 14:00 horas, será a quenda da modalidade de exhibición para as categorías infantil, cadete e sénior.
A nivel deportivo a principal novidade será a modificación do regulamento en categoría infantil, que poderán realizar técnicas á cara ao contar coa protección de cascos integrais.
Ademais dos actos, a Asociación de Veciños O Mirador aproveita o Open Cidade do Lérez para realizar unha recollida solidaria de alimentos.