As lesións quedan en susto e o Pontevedra poderá contar con todos os seus efectivos en Narón
Por Ramiro Espiño
Despois da alarma de onte, o adestramento que realizou hoxe o Pontevedra trouxo unha sensación de alivio ao comprobar como os contratempos sufridos por tres dos titulares do equipo granate poden quedar nun simple susto e os tres estarán en condicións de xogar o próximo sábado.
A sesión tivo como escenario o campo de Pasarón e prolongouse por espazo próximo as dúas horas. Milo Abelleira distribuíu os xogadores en dous grupos, despois da correspondente parte dedicada á preparación física, realizando un partido en tres cuartos de campo, co fin de acostumar os seus homes ás reducidas dimensións do campo do Narón Balompié.
Mentres Cristóbal Juncal realizaba exercicios acompañado de Caco e Santí Domínguez traballaba en solitario facendo unicamente carreira contínua, o terceiro dos toucados onte, Moisés Pereiro mostrábase completamente recuperado, participando xa no partidillo co equipo que poderiamos considerar titular, no que o técnico repetiu once con relación ao domingo pasado, incluíndo a Pacheco por Cristóbal e a Richi por Santi.
Precisamente o xogador buenense indicaba ao termo do ensaio a súa confianza en estar a punto para o sábado, mentres Cristóbal, que foi examinado horas antes do ensaio polo médico do club, Alberto Domínguez, nos dicía: Espero estar a tempo. Teño dor no xeonllo. O doutor díxome que é un pequeno pinzamento no menisco pero cun pouco de descanso hoxe e mañá non debe haber problemas".