O Teucro despide a liga do ascenso cun triste empate (29-29) ante Palma del Río
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Dous obxectivos tiña o Teucro na súa despedida ligueira despois de conseguir o campionato e o ascenso á Liga Asobal. Obxectivos menores, pero importantes, á fin e ao cabo: superar a impresionante barreira dos 50 puntos nunha tempada e brindar a unha afección reenganchada co club unha nova vitoria, a ser posible con bo xogo. Non conseguiu ningún deles nun partido presidido polo mal xogo, pero que non desmerece a gran tempada realizada.
Se houbese que xulgar ambos os dous equipos polo ofrecido na primeira parte a nota dificilmente chegaría ao aprobado. Con máis erros que acertos, o xogo foi un constante ir e vir sen demasiado rigor nin nas defensas nin nos ataques.
O Teucro foi case sempre por diante, con vantaxes que chegaron a ser de cinco goles aos quince minutos de xogo, pero a relaxación lle fixo conceder demasiado ao rival, o que aproveitou o cadro andaluz para, sen necesidade de alardes, manterse preto no electrónico, deixando o que parecía ía ser unha cómoda vitoria local, pendente de resolución para o segundo acto.
Pero a segunda parte non mellorou o xogo. O Teucro saíu un pouco máis entoado e iso serviulle para nuns poucos minutos abrir de novo distancia e recuperar a diferenza de cinco. Logo máis erros acumulados en ataque e de novo os andaluces que se achegan, facendo que Quique Domínguez pedira tempo morto preto do ecuador deste período.
Lonxe de causar o efecto desexado, o Teucro seguiu sumando erros, unido á súa falta de intensidade defensiva que provocaba exclusións evitables. A consecuencia foi que Palma del Río chegou a empatar (23-23) a falta de dez minutos e de novo o técnico azul houbo de pedir tempo morto.
Pero o Teucro seguía ausente, absolutamente irrecoñecible. Os visitantes póñense por diante (23-25), tras un parcial elocuente de 3-10 ao seu favor, fiel reflexo da desorde existente na pista.
Quedaban oito minutos. O Teucro remontou con goles de Carlos García a falta de 25 segundos, pero os andaluces tiveron tempo abondo para forzar un penalti que transformou Da Mota, establecendo un empate que non desmerece a sensacional tempada realizada, como así o recoñeceu o público que despediu ao equipo no medio dunha gran festa.
SD TEUCRO (29): Iago Gómez; García Pichel (1), Marcos Dorado (3), Víctor Rodríguez, Carlos García (5, 1 de penalti), Dani Hernández (5), Edu Moledo (6) -sete inicial-, Ricardo Amérigo (p.s.), David Chapela (3), Adrián Pumar (1), Iván Fernández, Gonzalo Carró (3), Borja Pedreira (2) e Carlos Pombo.
ARS PALMA DEL RÍO (29): Manuel López; Tavares (4), Antonio Caro (2), Miguel Ángel Corral (5, 3 dce penalti), Jesús Morales (3), Da Mota (8, 4 de penalti), Requena (3) -sete inicial-, Jesús Jiménez (p.s.), Yoel Moreno (2), Alonso Moreno, Consuegra (1), Del Castillo (1), Julio Morgado e Dámaso Gómez.
Árbitros: Jesús Álvarez Menéndez e José Carlos Friera Cavada (Asturias). Excluíron dous minutos a Dani Hernández, Borja Pedreira (2), Víctor Rodríguez, David Chapela e Gonzalo Carró, polo Teucro, e a Consuegra, Julio Morgado, Da Mota e Yoel Moreno polo conxunto andaluz.
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 5-3, 9-4, 10-7, 11-9, 13-11 (descanso), 15-13, 19-15, 22-19, 23-23, 26-26 e 29-29 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro apostará pola continuidade no seu regreso a Asobal
Por Diego Espiño |
-
Despedida ligueira ante o Palma del Río para un Teucro que busca brindar un último triunfo á súa afección
Por Diego Espiño |
-
O Teucro derrota o Academia Octavio e clasifícase para a final da Copa Deputación
Por Redacción |
-
Meritorio empate en Alcobendas (25-25) dun Teucro que non cede nin co título no peto
Por Redacción |