Empate entre Villalonga e Celta B (2-2) con final polémico pola anulación dun gol aos locais
Por Redacción
Rozou a vitoria o Villalonga no debut de Jacobo Molina no banco. Os locais realizaron unha gran primeira parte, na que desbordaron o filial céltico cun fútbol práctico e intenso, pero pagaron o esforzo na reanudación, deixando escapar a vantaxe de dous goles obtida nese primeiro período.
O Celta B apenas inquietou a área rival, nos primeiros 45 minutos, mentres o Villalonga chegaba moito e con perigo, logrando estrear o marcador no minuto 27, cando Machu recibe un balón na área e cede a Nelo para que marque con comodidade.
Ao fío do descanso o Villalonga consegue o segundo, nun centro de Leo que rematou Machu.
A segunda parte mostrou dende o comezo un Celta B cambiado. Os de Pichi Lucas recortaban distancias cun gol de Jonny ao resolver un balbordo na área.
Este gol afianzou a confianza visitante ata que Levy Madinda aproveita un mal rexeitamento da defensa local para establecer o empate.
Co 2-2 o partido abriuse máis e os dous equipos tiveron as súas ocasións. Thaylor e Marcos Torres tiveron nas súas botas a opción de dar o triunfo ao Celta B, así como Javi e Marc as mellores do Villalonga, que no desconto viu como o colexiado lle anula un gol de Machu, por unha acción máis que dubidosa e que foi moi protestada pola afección local.
VILLALONGA (2): Roberto Pazos, Leo, Miguel, Roberto Feáns, Isma, Marc, Saúl, Nelo (Nogueira, min.66), Tenorio, Roberto Piñeiro (Fran Matos, min.70) e Machu.
CELTA B (2): Rubén, Juanma Torres, Antón, Maestre, Jonny, Borja (Marcos Torres, min.65), Levy, Añón (Sergio Santos, min.83), Félix, Rubén Martínez e Camochu (Thaylor, min.64).
Goles: (1-0) Minuto 27: Nelo. (2-0) Minuto 43: Machu. (2-1) Minuto 55: Jonny. (2-2) Minuto 68: Levy.
Árbitro: Rodríguez Campos, auxiliado nas bandas por Sánchez Rojo e Domínguez Mantenga (A Coruña). Amoestou a Rubén Martínez, Félix e Juanma Torres.
Incidencias: Campo de San Pedro. Ao redor de 500 espectadores.