Carlos García Alén: "A continuidade do clube está en xogo, eso é o importante"
Por Diego Espiño
Tras solicitar de xeito oficial a súa entrada en concurso abreviado de acredores, a Sociedade Deportiva Teucro inicia unha das etapas máis importantes dos seus 67 anos de historia. Sobre a mesa está a súa viabilidade económica.
O partido máis importante para o Teucro esta tempada está na pista ou nos despachos?
A continuidade do clube está en xogo, iso é o importante. Ata agora foise capeando o temporal cunha débeda fraccionada no tempo e porque o acredores non te esixían un pagamento inmediato. Iso non se pode manter e por iso non queda outra alternativa que planificar a longo prazo o pagamento, que vén a ser o concurso. Formulamos unha quita do 50% e pagar o resto en cinco anos. Se conseguimos que o acepten voluntariamente e se adhiren máis do 51% dos acredores o concurso abreviado é posible. En cuestión de tres ou catro meses estariamos nunha situación de viabilidade do club, sempre que cumpramos cos obxectivos de ingresos para non nos atrasar cos pagamentos.
Cantos acredores se adscribiron xa ao documento previo depositado en notaria?
Estes días un dos acredores principais, Ricardo Tilve, con dúas empresas que representan o montante máis elevado de débeda, asinou, e iso deunos un impulso suficiente para adiantar a presentación de documentación no xulgado. Eu vexo boas expectativas para que o concurso saia adiante o antes posible.
"O principal (acredor) dos que quedan por asinar é Monbús. Se acepta o concurso xa prosperaría"
Supérase o 51% necesario para que o concurso non remate coa liquidación da entidade?
Pasamos do 30%. Para que prospere necesitamos o 51%. Estamos en negociacións co resto de acredores. O principal dos que quedan por asinar é Monbús. Se acepta xa prosperaría. Estamos a falar con Raúl López e parece ser que pode adherirse, non sabemos cando pero estamos en negociacións para iso. Confío en que con estas xestións todo saia adiante.
Déronse de prazo ata o 31 de outubro para presentar a solicitude no xulgado pero adiantáronse os tempos. Cal é a razón?
Con este paso estamos a gañar un mes. Unha entidade que non supera a fase abreviada do concurso, eses tres meses, tería prohibición para contratar coas administracións. Por iso é vital para nós que o prazo se acurte o máximo posible porque en xaneiro se adoitan iniciar os trámites de captación de subvencións para a nova tempada e é imprescindible para o Teucro poder contratar sen ningún tipo de problema.
Só hai 12 equipos na División de Honra B esta tempada, prexudícavos economicamente que a liga sexa tan reducida?
Por un lado, que sexa curta, quizais nos beneficie nos custos. Temos menos desprazamentos e menos arbitraxes, hai un volume de gastos que non teriamos que asumir. Por outro lado perdes algo coa billeteira dos encontros. Eu entendo que aínda que tempada sexa máis curta, os ingresos por socios non deberían diminuír.
"Se non existe un respaldo social, ao mellor hai que formularse se paga a pena seguir ou non seguir"
Fala de socios, outro dos retos é recuperar a masa social perdida?
Hai un problema que non está motivado pola situación económica actual ou a nefasta xestión do clube dos últimos anos. Dende os 3.000 ou 3.000 e pico de socios que enchían o pavillón aos 800 que ao mellor temos hoxe hai un oco que creo que temos que encher. ÿ necesario ilusionar de novo a xente, á cidade. Necesitamos mobilizar ex directivos, xogadores ou socios que teñen deixado de selo e non saben por que. O clube necesítaos, eles tamén forman parte da historia do equipo. Se non existe un respaldo social, ao mellor hai que formularse se paga a pena seguir ou non seguir, pero creo que se hai un bo respaldo podemos saír adiante.
Cales son as expectativas deportivas para esta tempada?
Creo que o equipo ten que dar certa seguridade para, polo menos, estar comodamente na metade da táboa, non pasar moitas angustias. Eu confío en que este ano o bloque nos poida dar certas satisfaccións.
Relacionadas:
-
O Teucro sae do concurso de acredores pero necesita "urxentemente" 40.000 euros para afrontar pagamentos inmediatos
Por Diego Espiño |
-
O Teucro presuposta un superávit de 76.500 euros para a presente tempada
Por Diego Espiño |
-
O acordo entre Teucro e Monbús non se pechará antes da Asemblea de socios
Por Diego Espiño |
-
A SD Teucro solicitará entrar en concurso de acredores nas próximas horas
Por Diego Espiño |