O Teucro chama á súa afección para o decisivo partido do sábado contra o Atlético Valladolid
O Teucro enfróntase o sábado 28 ás 20.00 horas no Municipal ao Atlético Valladolid, nun encontro entre o equipo pontevedrés que ocupa o primeiro posto da División de Honra Prata con 42 puntos contra o equipo valisoletano, que ocupa o terceiro con 33.
O Club púxose a traballar no partido promovendo unha serie de iniciativas para motivar á afección pontevedresa a que acuda ao pavillón a animar o seu equipo. A directiva quérese envorcar nesta recta final á que se enfronta o equipo, que se mantén o seu refacho de vitorias nestas próximas 7 xornadas ascenderá á Liga ASOBAL.
O presidente do club Carlos García-Alen, o adestrador Quique Domínguez e dous dos seus xogadores, Dani Hernández e Gonzalo Carró, presentaron este mércores 25 en rolda de prensa as iniciativas que o club vai levar a cabo para lograr encher o pavillón para o decisivo encontro do sábado.
O xoves 26 e venres 27, na Praza da Peregrina entre as 17.00 da tarde e as 20.00 horas instalarase unha carpa. Alí, os xogadores, equipo técnico e algúns directivos do Teucro regalarán entradas a todas aquelas persoas que se acheguen.
Os socios do club tamén xogan un papel importante á hora de animar o seu equipo neste día. Para eles está a iniciativa que a directiva denominou "Ti vales por tres". Consistirá en que tres persoas que acompañen a un socio accedan gratis ao partido.
Carlos García-Alén recalca a importancia da afección que é "o oitavo xogador" e ten tanta importancia como o traballo que desenvolva o equipo. Pola súa banda, Quique Domínguez destacou que dende as bancadas será fundamental que se infunda forza para vencer o Atlético Valladolid, equipo que tamén se encontrará arroupado por un bo número de seguidores. Segundo palabras do presidente teucrista, o conxunto visitante non confirmará ata este xoves se se desprazará un autobús de afeccionados dende Valladolid, pero recoñeceu que se prevé que moitos afeccionados se trasladen no seu propio vehículo ata Pontevedra.
Outras iniciativas por parte do club para poder duplicar ou mesmo tripiclar o aforamento normal do pavillón centraranse en repartir convites entre os nenos que pertencen ás escolas deportivas e aos alumnos dos colexios da cidade.
O obxectivo de todo este despregamento ante o partido do sábado é lograr que se cree un grande ambiente e que o equipo se sinta arroupado para obter a vitoria número 22 desta liga.