O Feel Cortegada roza a perfección para gañar en Ferrol (62-74)
Por Ramón Estévez
Hai equipos que se crecen ante as adversidades pero o das xogadoras do Feel Cortegada non ten parangón. Chegaban a Ferrol líderes, cunha situación extradeportiva moi complicada e tras gañar in extremis a Pabellón Ourense o pasado sábado en Fontecarmoa. Con todo, cando saltaron á cancha do pavillón ferrolán de Esteiro, todo iso quedou esquecido e as de Pepe Vázquez dedicáronse a anotar dende todas as posicións imaxinables, ata cando a selección de tiro non era a mellor. Así, Dita Liepkalne e Ilenia Manzanares xa avisaron do que lles esperaba aos seus rivais, e a base de triplas comezaron a distanciar ao seu equipo (15-25), pouco antes de finalizar un período que concluíu con 4 puntos locais para achegarse a 6. Por parte ferrolá parecía que a única que comezara a tempo o encontro era Raquel Asensio, que anotou os 15 primeiros puntos do seu equipo.
Nos segundos 10 minutos as visitantes apertaron o acelerador aínda máis. Ao gran acerto en ataque sumóuselle unha intensa defensa que provocaba o desacerto no tiro das de Lino López. Así, cun 0-9 de parcial o Feel Cortegada estirou o marcador ata colocarse 19-34. As departamentais trataron de engancharse ao partido, pero Ilenia e Dita estaban en estado de graza e anotaban practicamente todo o que lanzaban. Así, e cunha tripla da letona para sumar 18 puntos, púxose fin ao segundo cuarto coa máxima diferenza do partido (28-46).
Tras o descanso, as diferenzas chegaron aos 20 puntos tras unha canastra de Onaissa Sbahy, (30-50), e foi precisamente nese momento cando unha das xogadoras franquía de universitario, Olivia Lett, espertou do seu letargo. Case inédita ata o descanso, empezou a anotar e as locais fixeron un 15-4 de parcial para entrar nos últimos 10 minutos con 9 puntos de desvantaxe (45-54), e ata chegaron a porse a 7 ao comezo do último cuarto (47-54).
Nese momento apareceron os nervios de aceiro das vilagarciás. Dúas canastras, unha de Salomé e outra de Ilenia, devolvían ao seu equipo á barreira psicolóxica dos 10 puntos (47-58), e unha tripla de Onaissa Sbahy disparaba a renda do Feel Cortegada a 14 (47-61). A base francesa estivo especialmente acertada con tres triplas e 11 puntos, anotados en momentos importantes do encontro. O Universitario non tivo máis remedio que seguir remando para intentar remontar, pero xa non foi capaz de baixar dos 10 puntos de desvantaxe. A propia Sbahy deulle a puntilla ao encontro a falta de menos de dous minutos por xogar desde a liña de tres (56-70). Ao final, 62-74 e o Feel Cortegada termina o ano de forma espectacular, líder con dúas vitorias de vantaxe sobre o segundo e dando unha lección de baloncesto que tardará moito en ser esquecida. Agora, tanto xogadoras como corpo técnico poderán gozar dunhas merecidas vacacións logo de nove partidos gañados.
Ilenia, números de MVP
Dentro do espectacular partido do equipo, hai que destacar a unha xogadora que vai camiño de converterse, e non é a primeira vez, en MVP da xornada. 23 puntos, 11 rebotes, 8 roubos e 7 faltas recibidas son os seus números, que a levan a uns estratosféricos 46 puntos de valoración.
UNIVESITARIO DE FERROL 62 (19+9+17+17): Pedrals (4), Feijjoo, Calvo, Pazos, Laffi (4), Fernández, Lett (20), Touza (2), Ashmeade (8), Montiel.
FEEL CORTEGADA 74 (25+21+8+20): Andrea Ríos (6), Dita Liepkalne (20), Alejandra Carballa, Onaissa Sbahy (11), Salomé García (6), Lucía Méndez (8), Ilenia Manzanares (23).
Árbitros: Álvaro Cubero e Luis Miguel Estévez.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 do Grupo A da Liga Feminina 2, disputado no Pavillón de Esteiro en Ferrol ante uns 300 espectadores. Amy Syll no puido ser da partida por problemas coa súa ficha federativa.