Pontevedra solicita o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2015
Por Diego Espiño
A nova aposta deportiva de Pontevedra pasa por intentar albergar o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón en xuño de 2015. O Concello, que presentou a solicitude o pasado verán, centra agora os seus esforzos organizativos nunha modalidade na que destacan a nivel mundial dous pontevedreses, Álvaro Fernández Fiuza e ÿscar Graña, medallistas no último Mundial.
Pontevedra compite con outra candidata, a cidade eslovena de Lago Bohinj, por albergar unha proba que contará con máis de 1.000 deportistas das diferentes seleccións nacionais nas categorías júnior, sénior e veteráns para embarcacións de C-1, C-2, K-1 e K-2.
Deseñouse un circuíto no Lérez por gran parte do seu trazado urbano, con saída e chegada na Ponte dos Tirantes
En caso de saír elixida, a decisión tomarase entre febreiro e marzo, a competición de 20 quilómetros desenvolveríase nun circuíto xa deseñado no río Lérez. A Ponte dos Tirantes sería a zona de saída e chegada, pero o campo de regatas inclúe un remonte do río ata a zona da praia fluvial e a ponte de San Bieito de Lérez, onde se daría a volta ata a Ponte do Burgo.
A modalidade de maratón inclúe ademais un porteo no que os piragüistas saen da auga e transportan as embarcacións a pé, un porteo que se realizaría nos arredores do Pazo da Cultura.
Pontevedra xogarase boa parte das súas opcións o próximo 26 de xaneiro, cando o presidente do Comité de Maratón da Federación Europea de Piragüismo, Jorn Cronberg, visitará a cidade para supervisar o campo de regatas.
Dende o Concello desbórdase optimismo ante a posibilidade de organizar a proba, que podería supor ademais un test para retos máis ambiciosos, como recoñece o alcalde Miguel Fernández Lores, "somos unha potencia mundial así que teremos que aspirar nalgún momento ao Mundial".
En caso de saír elixida como sede do Europeo, Pontevedra organizaría un ano antes o Campionato de España da especialidade sobre o mesmo circuíto e cunha estrutura similar para calibrar todos os aspectos organizativos.
Relacionadas:
-
Ofrecen a Pontevedra o Europeo de Piragüismo Maratón de 2016 tras perder o de 2015
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra pasa o exame para o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2015. Jorn Cronberg cualifica de excelentes as instalacións
Por Ramiro Espiño |
-
Kiev, novo rival para Pontevedra na carreira por acoller o Europeo de Piragüismo Maratón 2015
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra pretende organizar 13 probas de piragüismo en 2013, catro delas de ámbito nacional
Por Redacción |