Cristina García, tripla medallista no Campionato de España Absoluto de Salvamento
Por Redacción
A deportista do PC Salvamento Sanxenxo Cristina García foi unha das protagonistas do Campionato de España Absoluto de Inverno, celebrado a pasada fin de semana na piscina Rosario Dueñas de Ourense.
Cristina logrou tres medallas, de ouro nas probas de 200 metros supersocorrista e 50 metros arrastre manequín, ademais dun bronce nos 100 metros combinada de salvamento.
Os seus resultados, unidos aos dos seus compañeiros de equipo Martín Paz e Anxo Martínez ergueron ao Salvamento Sanxenxo á undécima praza da clasificación por clubs.
Cristina García, que se fixa como principais obxectivos do ano o Open Internacional de Madrid e o Nacional de Verán co que espera clasificarse para o Europeo de Swansea (Gales), foi seleccionada para participar nunha concentración do equipo nacional a próxima fin de semana en Tenerife.
Ademais entre os 440 deportistas de 45 clubs participantes no Campionato de España de Ourense destacou tamén Antía García, nadadora do Club Acuático Umia.
Antía logrou o ouro absoluto en 100 metros manequín atletas e catro medallas máis en categoría júnior, na mesma proba e nas disciplinas de 50 arrastre manequín (ouro), 100 socorrista (ouro) e 100 metros combinada (prata), colocando o CA Umia na terceira praza na clasificación por equipos júnior.