Unha de cal e outra de area para o Club Voleibol Pontevedra
Por Redacción
Cara e cruz para os equipos do Club Voleibol Pontevedra no dobre enfrontamento do fin de semana ante o Boiro Voleibol.
O equipo feminino venceu con claridade en tres sets sen dar opción ao seu rival, consolidando a segunda praza na clasificación da Segunda División.
As pontevedresas marcaron o ritmo dende o inicio para pechar o partido cun resultado de 25-15, 25-19 e 25-12.
Pola súa banda o conxunto masculino do Club Voleibol Pontevedra cedeu ante o mesmo rival nun apertado encontro.
O partido comezou de cara no primeiro set (25-19) e o Boiro repúxose na segunda manga (23-25), pero os pontevedreses volveron tomar vantaxe no terceiro set (25-20).
Sen embargo non foron capaces de pechar o partido no cuarto parcial (26-28) e remataron cedendo no desempate (7-15).