O club pontevedrés GV Sports debuta no Dúatlon de Noia logrando tres podios
Por Redacción
Preto de 200 deportistas déronse cita no IV Dúatlon Concello de Noia, primeira proba do Circuíto Galego de Dúatlon en Estrada.
Entre eles, ademais de deportistas de clubs da bisbarra como o Pinarium ou o Monte Abaixo, encontrábanse representantes do GV Sports, club pontevedrés que debutou nesta proba cun positivo resultado.
A súa participación foi destacada na categoría feminina, na que se impuxo por equipos. Ademais Mariña Ramos foi primeira na categoría cadete e Lalo Ramos terceiro na de Veteranos 1.
Pola súa banda en Veteranos 2 o vencedor foi Andrés López, do Monte Abaixo, club que foi quinto por equipos na competición masculina.
O dúatlon de Noia disputouse nun percorrido de 5 quilómetros de carreira a pé, 20 en bicicleta e outros 2,5 quilómetros finais a pé, sendo a primeira das tres carreiras do circuíto, que continuará o 7 de marzo en Guitiriz e se pechará o día 22 en Lugo.
A pesar de ser a súa estrea oficial, o GV Sports márcase obxectivos ambiciosos para 2015, como participar nas probas de dúatlon e tríatlon máis representativas a nivel nacional, ter presenza no Europeo de Dúatlon e organizar o II Tríatlon Rías Baixas en Sanxenxo o 14 de Xuño.