Sofre para impoñerse o Arxil (58-59) sobre Universidad de Valladolid
Por Redacción
Sufriu e moito o Arxil para regresar á senda do triunfo e impoñerse pola mínima en Valladolid ao Universidad, nun partido igualado no que as de Mayte Méndez tiveron moitos problemas para intentar parar a Cristina Salinas no tiro exterior. A xogadora pucelana asinou un incrible 6 de 8 (75% de efectividade) dende a liña de 6,25, para un total de 9 de 21 do conxunto local.
As pontevedresas volveron estar desacertadas nesa faceta, cun pobre 1 de 8, compensado unha vez máis pola notable actuación de Maimouna Diarrá, que logrou 21 puntos, con 10 acertos de 14 intentos nos tiros de dous, con 21 de valoración total.
Outra das facetas claves da vitoria do Arxil foi o dominio baixo os taboleiros, se ben a igualdade foi a característica dun partido que se presumía máis doado para as pontevedresas, fronte a un equipo que unicamente leva dúas vitorias na súa cuadrícula.
Con este triunfo, o Arxil mantén a terceira posición da táboa, con dúas vitorias de marxe sobre León e Celta e unha sobre Cortegada na loita por meterse na fase final polo ascenso a Liga Feminina.
UNIVERSIDAD DE VALLADOLID (58): Cristina Salinas (22), Lourdes Galán (4), Piar Río (4), Irene Huerta (8), Miriam Rodríguez (8) -cinco inicial-, Noelia Pariente (8), Ángeles Asensio, Emilia Matesanz (4) e María González.
CB ARXIL (59): Maimouna Diarrá (21), Ana Martín (2), Noelia Fernández (1), María Lago (12), Fallon Lewis (12) -cinco inicial-, Ana María Román (10), María González, Cristina Díaz-Pache e Sandra Entenza (1).
Árbitros: Javier Benéitez Rodríguez e Julio César Alonso Díez (León). Sen eliminados.
Marcadores parciais: 16-16, 12-14 (28-30, descanso), 12-16 (40-46) e 18-13 (58-59, final).
Incidencias: Pavillón Universitario Fuente de la Mora (Valladolid).
Relacionadas:
-
O Arxil fai valer a lóxica e imponse con facilidade (58-76) ao Pabellón Ourense
Por Redacción |
-
Cortegada devolve a moeda ao Arxil e lévase o derbi (54-65) apertando a liga
Por Redacción |
-
Arxil e Cortegada preparan un derbi clave para estar no play-off de ascenso
Por Redacción |
-
Erguerse tras dúas derrotas consecutivas, necesidade para o Arxil en Valladolid
Por Redacción |
-
Esvarón do Arxil que cae ante León Cuna del Parlamentarismo (76-82) vítima dun mal terceiro cuarto
Por Redacción |