Esvarón do Arxil que cae ante León Cuna del Parlamentarismo (76-82) vítima dun mal terceiro cuarto
Por Redacción
O acerto no tiro exterior e un terceiro cuarto desvastador foron as claves da derrota dun Arxil que sufriu un inesperado revés coa visita de León Cuna del Parlamentarismo. O conxunto visitante fixo encaixar un parcial de 14-28 ás rapazas de Mayte Méndez, cun magnífico 10 de 21 nos lanzamentos de tres por un pobre 1 de 9 das locais, que foi decisivo para o resultado final.
A pesar de que as visitantes apenas tiveron achega das súas xogadoras de banco, Aulani Sinclair, Natalia López e Lucía Pablos encargáronse de martelar o aro pontevedrés, facendo inútil o traballo de Maimouna Diarrá (18 puntos e 24 de valoración) e María Lago.
A igualdade foi a nota predominante no primeiro tempo. Ao descanso chegábase cunha mínima vantaxe local de dous puntos, pero á volta de vestiarios as leonesas impuxéronse a un Arxil no que non funcionou nin a defensa nin o ataque. Logo, con 12 puntos de desvantaxe, o equipo local intentou a remontada, pero quedouse a medio camiño e non foi capaz de impedir unha derrota que deixa o Arxil con só dous triunfos de marxe sobre os seus perseguidores, na loita pola fase final de ascenso.
CB ARXIL (76): Diarrá (18), María González (2), Carla (4), María Lago (20), Fallon Lewis (17) -cinco inicial-, Ana María Román (12), Ana Martín (1) e Sandra Entenza (2).
LEÿN CUNA DEL PARLAMENTARISMO (82): Natalia López (18), Lucía Pablos (24), Alba Pena (12), Maribel García (4), Aulani Sinclair (24) -cinco inicial-, Silvia Fernández, María Herrero e Lucía Alonso.
Árbitros: Diego Domínguez Portas e Luis Miguel Estévez Estévez (Galicia). Eliminadas por faltas María Lago e Lucía Alonso.
Marcadores parciais: 16-17, 19-16 (35-33, descanso), 14-28 (49-61) e 27-21 (76-82, final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Unhas 75 persoas.
Relacionadas:
-
Sofre para impoñerse o Arxil (58-59) sobre Universidad de Valladolid
Por Redacción |
-
Erguerse tras dúas derrotas consecutivas, necesidade para o Arxil en Valladolid
Por Redacción |
-
Diarrá esnaquiza as estatísticas para manter vivo o soño arxilista de xogar o play-off
Por Diego Espiño |
-
O Arxil cae cunha canastra a falta de tres segundos na cancha do líder Ensino (79-78)
Por Redacción |