Marín acollerá os días 27 e 28 de febreiro a VIII Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática
Por Redacción
O pavillón da Raña de Marín acollerá os próximos días 27 e 28 de febreiro a Copa de España - VIII Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática. E para ultimar todos os detalles, constituíuse unha mesa de traballo que se reuniu no concello marinense nos últimos días.
Coa presenza do presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez, e o seleccionador nacional de Ximnasia Acrobática, Pablo Hinojar, debatéronse os primeiros detalles dunha competición que será comandada polo Club In Mare Marín, entidade recentemente galardoado co premio á mellor organización de escola deportiva municipal de Marín 2014.
O escenario contará con dúas zonas: competición e adestramento. A coordinación de ambos os dous ambientes resultará decisiva para o éxito organizativo dun evento deste nivel, que permitirá unha vez máis demostrar a capacidade organizativa dos clubs do municipio tras os éxitos de campionatos anteriores.
Para o venres 27 están previstos os adestramentos oficiais a partir das 16.30 horas, tras unha mañá intensa de montaxe e preparación do escenario; mentres que o sábado 28 acumulará o groso da competición.
Dependendo do número de participantes -actualmente uns 150 xa inscritos- o campionato podería alongarse ata o domingo 1 de marzo, día no que se clausuraría este torneo.