José Miniño: "Isto foi un atraco a man armada por parte do Pontevedra, da Xuíza e da Federación"
Por Ramiro Espiño
Indignación en Villalonga. A solicitude de aprazamento do partido entre o seu equipo e o Pontevedra, que debía disputarse o domingo en Pasarón, presentárase dende fontes do club granate como unha petición que contaba co consenso de ambos os dous clubs, cando en realidade só se produciran contactos previos, pero ningunha consulta oficial dende a Federación Galega ao propio Villalonga, ante a petición cursada dende o Pontevedra á Xuíza ÿnica de Competición. Deste modo, a decisión do aprazamento, recibida vía fax na sede do club de San Pedro, provocou a protesta irada da directiva que preside José Miniño Fernández.
"Isto foi un atraco a man armada por parte do Pontevedra, da Xueza e da Federación", declaraba Miniño a PontevedraViva, "Se fóra co Celta ou co Ferrol non pasaba, pasa cos das aldeas, que fan connosco o que queren", seguiu dicindo o presidente do Villalonga, quen insistiu en que só houbo un contacto telefónico de Milo con Xexo (director deportivo do seu club), dicíndolle que o falarían na directiva e que o chamarían, pero nada máis: "Xexo díxolle que o normal era que o árbitro decidise si se podía xogar ou non, pero despois diso non nos chamou ninguén, nin da federación nin do Pontevedra, ata que recibimos o fax que comunicaba o aprazamento".
José Miniño sinalou ter recibido unha chamada do presidente da Federación Galega, José García Liñares, arredor das 22.00 horas do venres: "Chamoume o presidente da federación preguntándome pola nosa postura. Díxenlle que non estabamos de acordo. Pediume que lle mandásemos un escrito e fixémolo, pero a esa hora non serve de nada".
O Villalonga sospeita que a verdadeira razón da solicitude de aprazamento por parte do Pontevedra está na ausencia de xogadores importantes, como Iago Paz e Santi Domínguez: "Nós ás veces xogamos con 5 ou 6 xuvenís e non pasa nada. A eles fáltanlle 2 xogadores e queren suspendelo. Penso que é unha vergoña que un club como o Pontevedra faga iso".
O Villalonga presentarase en Pasarón ás 15.30 horas
Por último, José Miniño insistiu en que, aínda a sabendas de que non servirá de nada, o Villalonga se presentará o domingo en Pasarón: "Ás tres e media estaremos en Pasarón. Non sei se con notario ou sen el, pero iremos. Esta noite -polo sábado- reunirémonos de novo a directiva e, salvo que decidamos outra cousa, temos pensado ir a Pontevedra, aínda que só sexa a xeito de protesta. Así que se queredes estar alí para sacar a foto do momento podedes facelo".
Jacobo Molina: "Paréceme unha actuación impropia do Pontevedra"
Ademais de falar co presidente do Villalonga, PontevedraViva quixo tamén coñecer a impresión do adestrador, Jacobo Molina, quen precisamente debía estrearse como primeiro técnico neste partido, tras a marcha de Guillermo Fernández Romo. Aínda que máis moderado, Jacobo ten igualmente a impresión de que o Pontevedra buscou ao aprazamento polas baixas no seu equipo: "ÿ verdade que o campo estaba mal o venres, pero antes de verme eu con Milo el xa falara con Xexo, quen lle dixo que tería que falar coa directiva. A partir de aí o Pontevedra xa se dirixiu á Federación, pero eu penso que habería que esperar ao momento do partido e logo decidir. Paréceme que a verdadeira razón do interese do Pontevedra son as baixas que ten, e creo que é unha actuación impropia dun club como el".
Molina tamén indicou que, de non haber cambio de postura a última hora "estaremos en Pasarón o domingo, polo menos para facernos notar e que saiban que o Villalonga merece un respecto".
Relacionadas:
-
Mauricio Rodríguez aviva a polémica co Villalonga: "¿Qué culpa tenemos de defender nuestros intereses?"
Por Diego Espiño |
-
Os socios do Villalonga deciden que o seu equipo non se presente en Pasarón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Suspendido o Pontevedra-Villalonga ao aceptar a Federación Galega a petición de ambos os dous clubs
Por Ramiro Espiño |