ÿltimo esforzo do ano para o Teucro ante o Balonmán Alcobendas
Por Ramiro Espiño
ÿltimo partido da primeira volta e antes do parón ligueiro motivado polo Mundial que se disputará en España. O Teucro despídese da competición ata o próximo día 2 de febreiro, e farao cun prato forte no Municipal, recibindo a visita do Balonmano Alcobendas, nun choque que se disputará o sábado (20.00 horas), con arbitraxe dos colexiados Francisco Molina Baena e José Molina Baena.
Os de Javier Barrios buscarán unha vitoria que lles deixe lonxe dos postos perigosos e con todas as opcións de coarse nos que dan dereito a xogar o play-off de ascenso á Liga Asobal.
Tras o último adestramento da semana, o técnico pontevedrés viu aliviados os seus problemas á hora de confeccionar o equipo, xa que dos homes que poboaban a enfermaría, Carlos García entrou na convocatoria, por primeira vez na tempada, mentres que Siscu e Miguel Porto farán unha proba durante o quentamento, minutos antes de comezar o partido, para decidir se poden xogar.
O único xogador que segue sen estar en condicións é César Armán, polo que a súa participación neste partido quedou descartada.
Recollida de alimentos para o comedor de San Francisco
Recordar tamén que o partido é unha boa oportunidade para que os afeccionados teucristas colaboren nunha boa causa, achegando alimentos que irán destinados ao comedor social de San Francisco. Aquelas persoas que acudan ao pavillón con polo menos dous quilos de alimentos non perecedoiros, verán reducido á metade o prezo da súa entrada, mentres os socios poderán levar un acompañante de xeito gratuíta.