Un xogador do Marín B agride o árbitro ao finalizar o partido co Atlético Estación
Por Redacción
Francisco José Gómez Cerqueiro, árbitro de categoría rexional de 18 anos de idade, resultou agredido este domingo no campo de San Pedro, presuntamente polo xogador do Marín B, Víctor R. T., á finalización do partido de Terceira Autonómica que enfrontaba ao filial do club marinense co Atlético Estación.
Segundo testemuñas presenciais do partido, Víctor R. T. fora expulsado polo árbitro, ao propinar unha patada por detrás a un rival sen estar o balón en disputa entre ambos os dous. O colexiado decidiu expulsar o xogador do Marín B, chegando o partido á súa final sen maiores problemas, con resultado favorable aos visitantes por 1-3.
Finalizado o encontro e cando xa os espectadores abandonaran as instalacións, aproveitando que o delegado de campo estaba a realizar outras tarefas, Víctor R.T. introduciuse no vestiario do colexiado, golpeándoo, segundo denuncia o árbitro, dúas veces na cara e ollo esquerdo.
A intervención de membros de ambos os dous clubs, ao decatarse do que estaba a suceder, evitou males maiores, encontrando ao acceder ao vestiario ao árbitro agredido co seu ollo visiblemente inchado, moi nervioso, tremendo e chorando.
Tras reclamar a presenza da policía nacional para que identificase o suposto agresor, Francisco José Gómez Cerqueiro foi trasladado en ambulancia ao Hospital Miguel Domínguez, onde foi recoñecido e dado de alta, recomendándolle dous días de repouso.
Fontes da Delegación de Pontevedra do Colexio de Árbitros indicaron a PontevedraViva que o colexiado se encontraba este luns aínda con lixeiros mareos, e que ten previsto presentar a correspondente denuncia contra o suposto agresor, ao mesmo tempo que o propio Colexio o fará ante a Subdelegación do Goberno, en aplicación do previsto ao respecto na Lei do Deporte.
Dáse a circunstancia que o árbitro acaba de cumprir a maioría de idade hai escasas datas, o que sen restar gravidade ao acontecido, pode supoñer un menor castigo para o suposto agresor que se o fixese a un menor.